Hoxe estreamos nas redes catro pezas audiovisuais que, xunto coas seis realizadas o pasado ano, compoñen unha serie de dez Dicionarios audiovisuais de ida e volta. Este traballo ten como obxectivo principal poñer en valor a diversidade e o diálogo intercultural nas relacións Norte-Sur, reducindo os estigmas asociados á migración.

Nesta segunda fase do proxecto, seguimos afondando no rol das linguas na construción de relacións interculturais baseadas na horizontalidade e no respecto mutuo, a través das historias de catro persoas que deixaron os seus países de orixe por diferentes razóns e, agora, viven en Galicia e en galego: Edilson, Judith, Sara e Neal.

Ademais, no eido educativo, retomamos o percorrido iniciado o pasado ano e deseñamos obradoiros de educomunicación baseados na guía didáctica publicada na nosa web, que usa os Dicionarios audiovisuais de ida e volta como material de base para traballar co alumnado da ESO en Galicia.  Por útlimo, esta fase completouse cunha campaña de comunicación a través de cartelería e máis de cuñas emitidas na radio para espallar a mensaxe ata o público xeral.

Todos estes materiais están dispoñibles para libre descarga dende a nosa web.

Este proxecto está realizado pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.