Dicionarios de ida e volta

Dicionarios de ida e volta

Dicionarios audiovisuais de ida e volta amosa os camiños que compartimos con Venezuela, México, Honduras, Guinea Ecuatorial, Senegal, Romanía, Palestina, Inglaterra, Angola ou Cabo Verde, a partir das historias de persoas que naceron neses países e que agora viven con nós, en Galicia e en galego. Aranxa, Brenda, Cristina, Mame, Marcelo, Marisol, Sara, Neal, Judith e Edilson explícannos a súa cultura a través dunha expresión na súa lingua que consideran clave e, ao tempo, escollen unha expresión galega que lles parece útil para coñecer mellor a nosa sociedade.

Aproveitamos para falar dos seus países e, tamén, do proceso migratorio. O obxectivo é poñer en valor a diversidade e a importancia do diálogo intercultural nas relacións Norte-Sur, reducindo os estigmas asociados á migración, a través do poder integrador das linguas.

Este traballo é unha narración en formato multimedia que inclúe:

  • 10 vídeos de 3-4 minutos de duración, que poden servir como material de comunicación, divulgación e/ou sensibilización, ou como material educativo en contextos de educación formal e non formal.
  • Unha guía didáctica de libre uso, a partir da cal deseñamos obradoiros de educomunicación e interculturalidade, nos que participaron 200 alumnas e alumnos de varios IES de Galicia durante o curso 2021-22. Se queres que o equipo de Agareso vos acompañe na sesión de traballo co alumnado, podedes consultarnos dispoñibilidade e condicións (máis información abaixo na sección “Descargas”)
  • Campaña de comunicación baseada en cartelería e en cuñas de radio.


DICIONARIOS AUDIOVISUAIS DE IDA E VOLTA
Unha historia de camiños compartidos entre Galiza e o resto do mundo

Anos: 2020-2021 | Documental divulgativo | Duración: 10 pílulas de entre 3’35” e 4’41”  | Idiomas: galego, castelán, wolof, fang, romanés, árabe, inglés, portugués, umbundu e crioulo.

Este proxecto está realizado pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística ao abeiro do Fondo de
proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

Lista de reprodución en Youtube 

 

Mame chegou a Santiago dende Senegal con 12 anos. Cóntanos a súa experiencia migratoria a través dos termos “ruliña” e “teranga”, que define a hospitalidade do seu pobo.

Brenda marchou da súa pequena aldea de Honduras para axudar a súa familia. Agora vive en Doncos, unha aldea de Lugo, que lle recorda moito á súa terra e onde conviven as nosas meigas e os seus güirros.

Marcelo chegou dende Guinea Ecuatorial á Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense) no ano 1969. Cóntanos  como esta experiencia lle cambiou a vida e fálanos da retranca galega e da akomeya fang.

Marisol é filla de galegos que emigraron a Venezuela. Hai algúns anos decidiu utilizar o seu pasaporte español para volver á terra dos seus pais, Ourense. Dende aquela, conxuga a morriña da migrante galega co “p’alantevenezolano.

Cristina é profesora de linguas nunha escola de Lugo. Cando era unha nena chegou dende Rumanía a España coa súa familia e, anos máis tarde, trasladouse a Galicia co seu marido. Para ela, a lingua galega é como as bolboretas e a omenie reflicte a bondade romanesa.

Aranxa é unha moza mexicana que vive en Santiago dende hai anos. Cóntanos como está sendo o seu difícil proceso migratorio, defende o valor do noso “malo será e preséntanos un concepto fundamental na súa lingua: “no mames.

Sara é estudante na USC e chegou con 5 anos a Galicia dende a Faixa de Gaza, en Palestina. Ao escoitar a palabra “parva” por primeira vez soubo que estaba a aprender unha lingua nova. “Reda Al-walidain” é a expresión do árabe que máis significado ten para ela.

Neal leva xa 25 anos sendo profesor de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo. Nado en Birmingham, Inglaterra, a súa querenza por Galiza reflíctese na escolla da palabra “patria” como a máis significativa para el do galego.

 

Judith, veciña de Teo, naceu en Ángola e chegou a Galicia con 8 anos para poder ser tratada dunha enfermidade. Agora é mestra de Infantil e Primaria e gusta moito da expresión do galego “amodiño“. Tamén nos fala do significado de “walale” no seu idioma materno: o umbundu.

 

A palabra “toxo“, moi usada por Edilson e as súas amigas, e a palabra “krêtxeu“, que soa nas cancións caboverdianas, son as escollidas por Edilson para falar das súas dúas terras: Galicia e Cabo Verde. Este estudante de Filoloxía fálanos neste vídeo de como foi a súa aterraxe en Galicia no 2015.

Share This