• Máis de 25 actividades para todos os públicos na Casa da Luz, o Pazo da Cultura, a Facultade de Ciencias Sociais e as rúas da cidade
    • Obradoiros, cinefórum, coloquios, charlas, exposicións, actividades de rúa, artes plásticas, audiovisual e concertos.
    • Visitaranos xente de Madrid, Sevilla, Inglaterra, Hungría, El Salvador, Guinea Bissau, Siria, el Sáhara Occidental, Portugal, Cabo Verde

Do 6 ao 11 de xuño o Concello de Pontevedra verase inundado por unha gran diversidade de actividades que convidarán a cidadanía a reflexionar sobre a Cooperación Internacional e a necesidade de loitar contra a desigualdade a nivel global.

As actividades foron deseñadas polas ONGD galegas Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e Asemblea de Cooperación pola Paz co obxectivo de por en valor a Cooperación como ferramenta de transformación social a nivel mundial. Para elo programouse unha batería de 25 actividades para todas as idades que de luns a sábado irán promovendo esta reflexión conxunta a través de obradoiros lúdicos, proxeccións de documentais, debates, charlas, actividades de rúa, exposicións fotográficas, concertos… En definitiva unha serie de espazos de convivencia nos que a poboación poida coñecer de primeira man as problemáticas sociais que aborda a cooperación internacional e os efectos positivos da mesma.

Os espazos escollidos para a realización das actividades son A Casa da Luz, o Pazo da Cultura, a Facultade de Ciencias Sociais e as rúas do casco vello.

Comezará a semana coa realización dun grafitti sobre un mural co lema das xornadas na Praza da Peregrina ás 12 da mañá por parte de Vella Escola, para continuar pola tarde coa primeira charla que se exporá as especialidades que desde Galicia se ofrecen para voluntariado de cooperación.

O martes na praza de Barcelos nenos e nenas realizarán un mural cunha mensaxe a prol da igualdade dos pobos e comezarase a gravar un vídeo que recollerá a opinión da cidadanía pontevedresa sobre a crise das persoas refuxiadas. Na tarde do martes seguirase cunha andaina para toda a familia pola rúas da cidade na que a xente de Feitoría Verde analizará os valores que transmite a urbe en temáticas como o xénero, a diversidade ou o medio ambiente. Remataremos a xornada cun cinefórum sobre protección ambiental en Guinea Ecuatorial coa proxección do documental El Secreto del Bosque ás 20h na Casa da Luz.

O mércores será o día do Comercio Xusto cun coloquio realizado por Solidariedade Internacional de Galicia na Casa da Luz ás 18h30, seguido da proxección do documental gravado en Guatemala sobre vivenda digna El Derecho a un Techito, de Arquitectura sen Fronteiras e Agareso.

O xoves ás 12h00 na Peregrina xogaremos a ser millonarios e a descubrir os efectos da acumulación de riqueza e ás 18h00 na Casa da Luz teremos os obradoiro de banda deseñada a cargo do Correo do Vento, pois o cómic tamén ten moito que dicir no social. Ás 20h comezaremos cunha interesante mesa sobre Cultura para o Cambio, na que analizaremos xunto con persoas expertas o que pinta a cultura na cooperación, para rematar cun concerto mestizo entre as percusionistas de Cabo Verde Batuko Tabanka e as pandereteiras pontevedresas Rexubeiras.

O venres será o día escollido para mergullarnos no eido da pedagoxía e das novas ferramentas para a Educación en Valores, territorio no que as ONGD galegas teñen unha especial relevancia. Pola mañá ás 10h na Facultade de Ciencias Sociais comezaremos cunha charla sobre Dinamización do espazo rural a través do audiovisual con exemplos prácticos que estamos a desenvolver nos Ancares e na Limia, e replicando en zonas rurais de Italia, Portugal e Francia, a través do Eramus+. Para seguir cunha presentación sobre Vídeo Participativo como ferramenta de Empoderamento, na que expertos de Inglaterra, Hungría e España descubrirannos todas as súas posibilidades.

Ás 19h volvemos á Casa da Luz cunha mesa especialmente dirixida á educadores e educadoras na que falaremos de como Aprender Facendo, a través da análise da metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo e das experiencias das organizacións galegas.

O sábado será o peche destas xornadas cunha batería de actividades que abordarán temáticas de moita actualidade, como a violencia contra as mulleres ou a migración e o refuxio. Comezaremos ás 11h da mañá no Pazo da Cultura analizando xunto a activista salvadoreña Vilma Vaquerano a importancia do traballo das organizacións de mulleres en Cooperación e  as problemáticas que máis afectan ás mulleres centroamericanas. Ao mesmo tempo desenvolveremos un obradoiro de dobraxe de películas con perspectiva de xénero. Ás 12h30 falaremos xunto con Miguel Alba de Intermón Oxfam, Xosé Cuns de EAPN e Alejandro Quiñoá de ACPP Galicia da importancia da repolitización das ONGD e da aposta polo concepto de Desigualdade Global.

Pola tarde será a quenda das mesas sobre migracións. Na das 16h30 abordaremos as causas da fuxida de miles de persoas dos seus países de orixe a través de experiencias persoais de Guinea Bissau, El Salvador e Senegal, e o traballo da ONGD galega Ecos do Sur. E ás 18h30 falaremos dos conflitos armados e o refuxio desde a perspectiva de fenómenos actuais como de Siria, pero coa visión das consecuencias que tivo para o Sáhara a inacción de Europa.  Para os máis pequenos teremos un obradoiro artístico de pintura sobre interculturalidade no mesmo Pazo da Cultura ás 18h00

Remataremos a xornada co presentación do vídeo realizado sobre as persoas refuxiadas, os resultados dos obradoiros e uns pinchos, ás 20h30 no mesmo Pazo da Cultura.

É a primeira vez que un Concello aposta por visibilizar a importancia da Cooperación Internacional e aportar espazos de reflexión e debate sobre as problemáticas que inciden na desigualdade no mundo.