Colabora
Colabora
Na nosa organización o papel das persoas socias e voluntarias foi fundamental desde o principio e continua séndoo a día de hoxe.
As vías de colaboración son variadas, posto que cada voluntario e voluntaria determina o nivel de implicación que desexa ter en Agareso, dando historicamente cobertura a diferentes proxectos, documentos e iniciativas.
A condición de voluntario ou voluntaria é compatible coa de socio ou socia, de forma que calquera destes últimos poderá colaborar tamén con tarefas de voluntariado.
A nosa base social forma parte do traballo diario da nosa organización, ofrecendo a posibilidade de participar en proxectos ou tarefas solicitadas a Agareso. A calidade profesional dos nosos voluntarios e voluntarias fai que sexan imprescindibles no desenvolvemento da nosa misión como ONG.
A rede de Agareso está integrada, fundamentalmente, por profesionais da comunicación, pero tamén conta con profesionais procedentes do mundo do deseño, da economía, da psicoloxía ou do traballo social. Todos eles e todas elas, traballan de forma voluntaria e o seu único vínculo é o traballo a favor da solidariedade e cooperación cos colectivos máis desfavorecidos.
Na asemblea xeral da entidade celebrada o 20 abril de 2011 aprobouse por unanimidade estipular unha diferenciación de estatus entre todos os integrantes da ONGD, facilitando que todos seguisen colaborando dentro da mesma, pero sinalando a fórmula coa que querían figurar. Así, estipulouse que existirían as categorías de colaborador, voluntario e socio. A 24 de outubro do 2018 había na rede
de Agareso 145 persoas, das que 42 son colaboradoras, 79 voluntarias e 24 socias.
Para os/as socios/as estipulouse o pago dunha cota mínima de 10 euros e máxima de 40 e, a diferenza do resto dos integrantes da rede, poden formar parte da Xunta Directiva. Os/as voluntarios/as non teñen asociada ningunha cota, pero os que o desexen poden asumir o custo da súa cota de seguro de voluntariado e tamén deben cubrir un compromiso de adhesión. As persoas que optan por só colaborar non fan ningún trámite a maiores de aportar á asociación os datos que consideren oportunos. Ser voluntario/a e socio/a son dous estatus compatibles e todos teñen voz e voto na asemblea a excepción dos/as colaboradores/as, que só teñen voz.
Todo o mundo que desexe facerse voluntario/a ou socio/a podesche poñer en contacto connosco a través da seguinte dirección de correo electrónico: voluntariado@agareso.org
E para calquera quiexa, suxestión ou denuncia del malas prácticas ou abusos dalgún integrante da entidade ou dos nosos socios locais, por favor póñase en contacto con coordinacion@agareso.org. Manterase en todo momento a confidencialidade.