Xa está en marcha a terceira edición de ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’ o proxecto de educación para o desenvolvemento que forma parte da plataforma de innovación educativa‘Plan Proxecta’ e no que colaboramos xunto con outras organizacións levando a cabo de talleres de radio e fotografía para a educación en valores.
Fomentar no alumnado a súa corresponsabilidade en crear un mundo mellor e o seu papel transformador para conseguir unha sociedade máis xusta para todas e todos é un dos obxectivos principais do proxecto, e tanto a fotografía como a radio son de gran utilidade para este fin, converténdose en potentes ferramentas comunicativas coas que sensibilizar e fomentar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo.
Tras os obradoiros o alumnado terá que crear os seus propios espazos radiofónicos e proxectos fotográficos relacionados co novos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODS). A iniciativa inclúe ademais representacións de pezas do chamado “teatro da oprimida”, a visita aos centros de persoas dos países do sur vinculadas á cooperación para o desenvolvemento e un encontro final intercentros no que todo o alumnado participante gozará dun concerto e mostrará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados ao longo de todos estes meses.
O proxecto, que conta co apoio económico de Cooperación Galega desenvólvese este curso en 5 centros educativos: CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, IES Urbano Lugrís de A Coruña, IES Fernando Wirtz de A Coruña, IES Isidro Parga Pondal de Carballo e o CPI Toural de Vilaboa. En total están a participar máis de 512 alumnos/as e 25 profesores/as.
Ademais de Agareso no proxecto participan Solidariedade Internacional de Galicia e Mundo Cooperante, coa colaboración organizativa e formativa de Educo, Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP),Tempo de Loaira e o grupo de Teatro dxs oprimidxs 100tolas.
Podedes seguir o proxecto a través da súa páxina web e das redes sociais, Facebook e Twitter.