Tres estudantes do V Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ impartido na USC atópanse en Marrocos para coñecer de primeira man a loita das organizacións locais a prol do desenvolvemento. A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) promoven esta iniciativa para sensibilizar ás e aos novos profesionais da comunicación sobre o seu papel na consecución dun mundo máis xusto.
Tamara Novoa (Vigo), Antía Otero (Ourense) e Paula Vázquez (Carballo) resultaron seleccionadas para desprazarse a Nador e Tánxer canda a coordinadora da actividade en Agareso, Carmen Novas (Bueu), e co apoio da técnica de ACPP en terreo, Alicia Fernández (Rairiz de Veiga). Alí están a coñecer e a visibilizar os proxectos apoiados por senllas entidades en materia de saúde, xénero, migracións, educación, medio ambiente, etc.
A expedición inciouse o 23 de xullo e durante os primeiros días nas provincias de Berkane, Nador e Alhucemas as mozas xornalistas tiveron a oportunidade de visitar centros de mulleres onde se traballa pola igualdade ou achegarse a cooperativas agrícolas, alén de conversar con migrantes subsaharianos e con impulsores dos medios dixitais na zona. Tamén puideron coñecer iniciativas para mellorar a atención sanitaria no rural ou instalacións para comercializar o peixe en condicións hixiénicas. Todo isto da man de entidades locais coma Homme et Environnement, Asticude e Azir.
Ata finais desta semana o equipo permanecerá en Tánxer para profundar coa ONG Ahlam sobre intervencións en áreas como educación e xénero. Entrevistaranse asemade con xornalistas e teñen previsto achegarse ao traballo coas mulleres de asociacións como 100% Mamans e Atawassoul, así como comprobar de primeira man a represión á que teñen sido sometidos activistas que defenden os dereitos humanos.
As vivencias das tres comunicadoras plásmanse no blog ‘De Nador a Tánger’, dispoñible na ligazón http://agaresoseminario.blogspot.com.es/. A través das súas reportaxes, entrevistas, fotografías e vídeos amósanse ao tempo os resultados da cooperación para o desenvolvemento en Marrocos. A expedición e o Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ contan co apoio económico da Xunta de Galicia.