“Escoitamos adultos comparar a nosa xuventude coa súa e tacharnos de irresponsables, sen coñecer a nosa realidade”, denunciaba José Ignacio Quirós o pasado venres, na estrea das catro curtas coas que el o outras 22 rapazas e rapaces de entre 14 e 19 anos dan resposta a esas críticas e lle explican á sociedade o que significa emigrar só cando es menor ou vivir en pisos titelados ou de acollida e que xa se poden ver en Youtube.

“Nas nosas curtas, falamos sobre infancias marcadas pola familia”, explica Chari Lojo, outra das protagonistas d’A Tribo, “sobre nais que abandonan os seus fillos ou que os desprotexen ou que os obrigan a asumir responsabilidades que non lles correspoden e sobre as consecuencias que iso ten nas súas vidas”. “Falamos da nosa vida en vivendas”, continúa Lojo, “dos estereotipos que hai hacia nós e nos fan sufrir”. “Non somos delincuentes”, conclúe esta adolescente que vive nunha das vivedas do programa de protección da infancia que xestiona Igaxes, “só somos menores que necesitamos protección”. Conta a súa historia, xunto con Jorge e Aitor, en Jugar con ventaja, un documental sobre a súa experiencia como menores protexidos polo sistema de vivendas de acollida e titela e sobre os bulos, os estereotipos e os prexuízos que a nosa sociedade proxecta sobre elas e eles.

Unha das curtas da que este grupo de adolescentes se sinte máis orgulloso é eMe, unha ficción sobre unha persoa menor de idade que decide abandonar o seu país cando se enfronta a uns cánones establecidos cos que non pode encaixar. Porén, as expectativas de mellorar a súa calidade de vida trúncanse cando chega a España e a acollida non é a que esperaba. “EME ten algo que ver coa miña vida”, recoñece Ilias Hira, que tamén vive nunha vivenda xestionada por Igaxes, “é parecido ao que estou a vivir eu”.

Este grupo de adolescentes superou as dificultades extraordinarias impostas pola pandemia e aprendeu a manexar as cámaras e a guionizar e protagonizar as súas propias historias nunha intensa formación de algo máis de 6 meses de duración. “Empezamos a gravar sen pensar e aprendemos que improvisando poden saír cousas moi chulas, pero outras caóticas”, explica Andrea Valentina Dous Santos, “aprendemos a importancia de cortar e de quitar partes que non levaban a nada e, coa confianza do grupo, aprendemos a expresar no alto as nosas ideas e descubrimos o noso potencial para escoller imaxes”. Alecoy Cárdenas tamén salienta a importancia do traballo en grupo: “Fomos aprendendo a negociar, a coller partes das ideas de cada un e a construír algo común”. O resultado son dúas curtas de ficción: a dramedia Vacío legal, na que a solidariedade entre irmáns e unha voda de final inesperado consiguen reverter a inxustiza provocada por un pai machista e homófobo que pretende impedir que a súa filla herde a empresa familiar; e Malos rollos, na que dúas adolescentes superan as súas desavenencias ao compartir as dificultades familiares que tiveron que atravesar na vida. A súa conversa deixa ver as marcas que deixan o abandono infantil e as responsabilidades prematuras

“Os adolescentes temos unha voz pouco escoitada” denuncia outro dos pilares do grupo, Jorge Fernandes da Faia, “e temos dereito a ter unha opinión sobre os temas considerados de maiores, porque non sabemos menos que moitos adultos e porque nos afectan igual”. “Estamos no século XXI e non ten sentido que a nosa voz se siga desvalorizando”, afirma, “é unha época de cambios, estamos conseguindo dereitos e melloras na calidade de vida e deixar que as e os adolescentes falemos é un cambio máis que debemos conseguir”. “Estas curtas son a nosa voz”, conclúe, “velas axudaravos a ver a realidade a través dos nosos ollos”.

A TRIBO é unha intervención integral que durante 12 meses traballa para fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, e para loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade titelada estea nun centro de protección por facer algo malo ou que alumnado con dificultades nos estudos non ten vontade de aprender. Estereotipos que, cando afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable, poden chegar a converterse nun estigma moi doloroso. A Tribo quere reverter ese estigma e mostrar as enormes capacidades destas mozas e mozos, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade.

A segunda fase d’A Tribo contou coa participación de 22 rapaces e rapazas e co apoio de Fundación “la Caixa”. Foron os propios rapaces e rapazas os que decidiron que querían contar e como contalo, nun obradoiro de comunicación participativa que se estendeu dende xaneiro a xullo de 2021 -en plena pandemia-. Decidiron tratar temas como os conflitos familiares e o abandono infantil, a vida nunha vivenda de acollida, o racismo que sofren as persoas migrantes e o estigma que acompaña as menores titeladas ou especialmente vulnerables. Guionizaron, protagonizaron e gravaron integramente as súas historias, co obxectivo de demostrar e demostrarse que a súa ollada sobre o mundo importa, que os conflitos que lles atravesan a vida a eles e elas importan.

O resultado son estas catro curtas, tres pílulas sonoras e varios ensaios fotográficos. Tedes toda a información na páxina do proxecto.