A Tribo do Milladoiro
A Tribo do Milladoiro
Cuña radiofónica
Anos: 2025 – 2026
Lugar: O Milladoiro (Ames)
ONGDs: AGARESO e IES do Milladoiro
Proxecto recoñecido na convocatoria Interculturalidad y acción social da Fundación laCaixa.
Somos diferentes, somos referentes. A Tribo do Milladoiro é un proxecto piloto de comunicación participativa que busca mellorar a convivencia cidadá intercultural e a cohesión social en O Milladoiro (Ames), convertendo a mocidade en mediadora da súa contorna comunitaria e contribuíndo así á construción dunha sociedade máis diversa e inclusiva.
SE CAMBIAS A MIRADA, VERÁS O FUTURO
Fronte aos discursos que asocian barrios periféricos, inmigración e diversidade con inseguridade ou conflito, A rapazada da Tribo do Milladoiro responde con once carteis de gran formato, protagonizados polas propias integrantas do grupo, con mensaxes directas e optimistas escritas, tamén, por eles mesmas. O resultado é unha galería de once voces adolescentes que falan de diversidade e convivencia, de creatividade, de diálogo, de identidade e de orgullo de pertenza.
OBRADOIRO DE INTERCULTURALIDADE E REPRESENTACIÓN MEDIÁTICA
A intervención partiu dun obradoiro de educomunicación que permitiu a todo alumnado de Secundaria da localidade recoñecer e analizar os estereotipos e prexuízos presentes na representación que fan os medios de comunicación da súa realidade comunitaria e tratou de sementar neles e nelas a vontade de reverter esa narrativa, buscando referentes positivos dentro das súas familias e identidades culturais.
O equipo de Agareso visitou todas as aulas de ESO do IES do Milladoiro para facer unha pregunta: Como é O Milladoiro? Que é o que máis che gusta da túa vila? Participaron preto de trescentas persoas, de 1º a 4º, ofrecendo respostas que van do Mercadona ao monte, das pistas á biblioteca, da tranquilidade das rúas á falta de sitios cubertos para a mocidade cando chove. O que emerxeu non foi (só) unha diagnose, senón un mapa preciso e minucioso dunha vila que a súa xente nova coñece mellor ca ninguén: saben o que funciona, o que falta e o que querería ser. Saben tamén que ten mala fama e que esa fama non se corresponde coa experiencia de vivir nel. E teñen ideas —moitas e variadas— sobre como contalo.
Ese mapa de voces foi o punto de partida de todo o que veu despois. De seguida nos puxemos mans á obra para levar á práctica esas “historias do Milladoiro” que a rapazada tiña a vontade de contar.
COMUNICACIÓN E XORNALISMO PARTICIPATIVO
Un grupo de 24 mozos e mozas da localidade participaron cada luns pola tarde durante 6 meses, de xaneiro a xuño de 2026, nun obradoiro de comunicación participativa e xornalismo cidadán no que analizaron as problemáticas sociais que afectan a súa contorna. Comían rápido e volvían, voluntariamente, ao IES para fuchicar coas cámaras, cos micrófonos e coas súas ganas de contar cousas.
Aprenderon a usar equipo audiovisual, a escribir guións, a entrevistar descoñecidos na rúa, a discutir sobre o que querían contar e como querían contalo. E tamén a ceder, a esperarse, a traballar con persoas que non coñecían ou que non elixirían necesariamente como compañeiras.
Non sempre foi fácil. Houbo semanas de agobio, de cansancio e moitos exames, algunhas tensións e proxectos que parecían imposibles. Pero A Tribo volveu cada luns ao IES do Milladoiro. E cada luns aprendeu algo: sobre audiovisual, sobre o seu barrio, sobre a diversidade, sobre o acoso e sobre si mesmas.
O resultado son tres curtametraxes e unha campaña. Pero o proceso —os debates, os erros, os momentos nos que alguén se puxo diante dunha cámara por primeira vez— é a parte que non se ve. E que tamén conta.
MILLADOIRO PURO
A Tribo amosa O Milladoiro máis puro, por dentro e sen filtros. O que non todo o mundo coñece ou que para algunhas persoas ten un nome manchado. Descúbrennos os lugares favoritos da xente da vila, as distintas visións sobre o espazo público que conviven entre a veciñanza e as carencias e os cambios que preve o goberno municipal para os próximos anos.
MILLADOIRO DIVERSO
O Milladoiro é un dos concellos máis diversos de Galicia. Máis de 70 nacionalidades conviven nun mesmo barrio, nos mesmos corredores do IES, nas mesmas rúas. Pero que significa realmente esa diversidade para as persoas que a viven cada día? Nesta curtametraxe documental, A Tribo do Milladoiro sae á rúa con cámara e micrófono para preguntarllo directamente ao profesorado, ao alumnado, á veciñanza… e ata ao alcalde! As respostas falan de riqueza e oportunidade, pero tamén de medo, prexuízo e integración incompleta. Porque o Milladoiro non é un lugar perfecto. É, iso si, un lugar onde a diferenza ten nome e cara e onde unha xeración de adolescentes decidiu mirala de fronte, sen filtros e sen discursos feitos, para contarlla ao mundo.
MÁSCARAS FÓRA
Máscaras Fóra é unha curtametraxe de ficción que conta unha historia de acoso escolar desde un lugar pouco habitual: o interior do acosador. Non para xustificalo, senón para intentar entender de onde veñen certas condutas e que papel pode xogar quen decide non mirar cara a outro lado. Fronte a Lautaro, Marelys: unha rapaza que intervén con calma, sen violencia e sen discursos, e que lle devolve ao agresor algo que ninguén lle ensinara a facer —mirarse ao espello. Escrita e rodada polo alumnado do IES Milladoiro no marco do proxecto A Tribo do Milladoiro, esta peza pregúntalle ao espectador: cantas veces confundimos a máscara coa persoa?
E UNHA CHEA DE CONVERSAS CO PÚBLICO
Todo este traballo estréase o 19 de xuño de 2026, ás 18h, na Casa da Cultura do Milladoiro, en 3 pases que permitiron que o alumnado, o profesorado e as familias e veciñanza puideran dialogar sobre os temas propostos pola rapazada da Tribo do Milladoiro. As proxeccións continuarán á volta do verán en varios IES e universidades da contorna. Se queres organizar unha proxección, non dubides en contactar.
Ángel Fidel Cerrato Vargas
AroaSalgado Rey
Catalina Perol Ferreiro
Daiwanfer de la Paz
Emelyn Galván
Lorena Iglesias Brea
Lucas Santiago Moreno Valencia
Manuel Verde Andújar
Marelys Osoria
Marlin Almeiris García Ysabel
Mateo Calvo Mosquera
Ryuu (Viktoria) Sousa Cruz
Santiago Jiménez Arias
Sofía Valeria Urriola Martínez
Xabi Costela Pazos
Xiana Bustelo Tallón
Fotografías campaña: Alejandro Goris
Deseño: Patricia Portela Vaamonde
Vídeo campaña The Office