Esta mañá comeza en Madrid o VI Congreso Internacional sobre Innovación, Aprendizaje y Cooperación, CINAIC 2021, que se celebra tanto de forma online como presencial e no que Agareso presenta o “Educación, inclusión social e dixitalización da aprendizaxe: EpDLab como estudo de caso durante a crise do COVID-19” realizado por Roi Guitián e María Lobo a partir do traballo desenvolvido pola organización nas dúas últimas edicións do EpDLab.

No seu texto (dispoñible na páxina 348 do libro de actas do congreso), Roi e María relacionan aspectos tecnolóxicos e educativos coa desigualdade social. Incorporan tamén diferentes informes europeos e estatais sobre educación dixital como Open Public Consultation, Dixital Action Plan ou o Plan Nacional de Competencias Dixitais. O obxectivo da investigación é ofrecer unha diagnose e unhas propostas de actuación con respecto á educación dixital ou e-learning, entendida como un factor crave na construción dunha sociedade xusta e equitativa, en garantir a igualdade de oportunidades e na loita contra a exclusión social.

O estudo de caso divídese en dúas fases: unha primeira iniciada entre marzo e xuño de 2020, que se executa de maneira virtual e que serve para realizar un primeiro diagnóstico. A segunda fase, desenvolveuse durante o curso 2020-21 e nela aplícase un modelo de aprendizaxe mixta ou blended learning.

Durante a implementación do modelo virtual na 1ª fase, podemos destacar diferentes retos como o de que ao basearse o noso modelo pedagóxico na aprendizaxe entre iguais, o feito de que cada persoa tivese dispositivo individual e a posibilidade de desconectar en calquera momento dificultou as interaccións e a aprendizaxe en grupo.

Outro reto foi que a aula virtual non é entendida polo alumnado como un espazo paralelo ao centro educativo, senón que percibe Internet como un espazo de entretemento e de lecer. O que tamén se vincula coas baixas competencias dixitais detectadas en certas habilidades básicas: como moverse por unha aula virtual ou participar nunha videoconferencia.

E é que o alumnado non estaba preparado para a aprendizaxe autónoma. A pesar de que as actividades foron deseñadas con contidos interactivos, vídeos e documentos explicativos, o alumnado necesitou a coordinación dunha persoa docente nun horario determinado, é dicir, replicar o modelo das clases presenciais.

Outro factor determinante foi o acceso a dispositivos. Segundo o CIS, na maioría dos fogares estes dispositivos son compartidos por dúas persoas, e só no 21,5% dos casos hai un dispositivo para cada persoa. No noso caso, isto traduciuse en que parte do alumnado tiña que adaptarse aos horarios doutra ou outras persoas.

No que se refire aos centros e coincidindo coa análise do Dixital Action Plan, as institucións educativas que tiñan experiencia en organizar o ensino e a aprendizaxe como un traballo en equipo cun enfoque organizacional foron capaces de adaptarse. No noso caso, tratouse dun centro rural, o máis afastado de núcleos urbanos dos 5 participantes.

Do mesmo xeito, o persoal docente respondeu de distintas formas a esta situación e un titor manifestou non estar preparado para adaptar a súa docencia a unha estratexia online, polo que perdemos o contacto co grupo por uns meses ata que facilitou a nosa tarefa para retomar o traballo educativo co seu alumnado.

Houbo un segundo grupo que non recuperamos en todo o curso. As razóns responden o factor socio-económico. Segundo un informe do CIS a maioría dos fogares que non contan con Internet ou con dispositivos electrónicos correspóndense co sector primario, o traballo doméstico non remunerado e as persoas en situación de inactividade laboral diferente ao desemprego.

Ao preguntar polas razóns: a maioría recoñece non contar coas habilidades necesarias para facer uso da rede. Así pois, citando o Dixital Action Plan: “a situación socioeconómica das familias xogou un papel crucial […] Os pais e nais con maior formación estaban mellor situados para axudar aos seus fillos e fillas para soster un ambiente educativo en casa?”

Estes resultados coinciden co noso diagnóstico: xa que as familias do grupo co que perdemos o contacto pertencían ao tramo de ingresos máis baixo ou en situación de desemprego e cun baixo nivel de formación. O resultado foi a completa desvinculación dun alumnado con importantes necesidades de apoio.

Ante a incerteza previa ao curso escolar 20-21, en 2ª fase optamos por contemplaruna estratexia de blended learning, neste modelo a metade das sesións foron presenciais, aínda que se desenvolveron con materiais e contidos situados na aula virtual, e a outra metade foron virtuais, desenvolvéndose sen a nosa presenza na aula pero co noso soporte a distancia.

As actividades desenvolvéronse en horario lectivo, asegurando o acceso a equipamentos electrónicos con conexión a Internet para cada persoa grazas a programas específicos de cesión de equipos do goberno autonómico. Doutra banda, todo o grupo contaba co mesmo apoio de forma igualitaria garantindo o acceso a unha educación universal e de calidade.

Esta gráfica mostra a diferenza na realización actividades completas desde casa que baixa a un 34% ou de forma virtual desde a aula que foi practicamente do 100%. Por tanto, cremos que o éxito da integración do e-learning non depende unicamente das infraestruturas, do acceso a equipamento, da competencia dixital ou da adecuada tradución das pedagoxías, senón a todos estes factores interrelacionados.

Do mesmo, modo, incorporamos tamén nesta segunda fase aulas virtuais abertas que permitiron a máis centros educativos participar no proxecto, cursos específicos para profesorado e guías de uso para libre descarga entre outras estratexias e accións. Aínda así, cremos que esta situación implica demasiados riscos e que o acceso á educación non pode depender da situación socio-económica do alumnado ou do centro educativo.

Así pois, as competencias dixitais do profesorado, dos equipos xestores, das familias e das persoas coidadoras son a clave para conseguir que ninguén quede atrás por razóns económicas ou sociais, pero tamén están en estreita relación co contexto socio-demográfico e a axenda política a nivel estatal, rexional e local.

Coa nosa intervención no CINAIC queremos reivindicar a conectividade e o equipamento adecuado, o acceso a plataformas enfocadas á aprendizaxe para toda a vida e a ferramentas dixitais que apoien este proceso, á vez que por en valor a dixitalización do ensino como un factor determinante para desenvolver a equidade, a igualdade de oportunidades, a alfabetización dixital e mediática e a redución das desigualdades”.