Un equipo de Agareso desplazouse durante o mes de febreiro a República Dominicana para levar a cabo as presentacións do documental “Garantía de vida. A loita pola despenalización do aborto en República Dominicana”. Así mesmo, as técnicas viaxaron ao país para realizar formacións de vídeo participativo nos bateyes do municipio de Ramón Santana (San Pedro Macorís) e para dar obradoiros de comunicación participativa a colectivos de mulleres vinculados ao movemento feminista. Todas estas actividades forman parte dun proxecto conxunto entre Agareso, Asemblea de Cooperación pola Paz e Instituto de Acción Comunitaria (IDACOM), financiado pola Xunta de Galicia e Cooperación Galega.

Os obradoiros nos bateyes do municipio de Ramón Santana executáronse durante as dúas primeiras semanas no país. Durante 7 días, as técnicas da organización formaron aos rapaces e ás rapazas dos bateyes de La Balsa, La Cubana e Olivares en técnicas de vídeo participativo. O alumnado coñeceu esta ferramenta coa práctica, elaborando vídeos informando sobre o seu día a día, vídeos denunciando reivindicacións que procuran para as súas comunidades e sensibilizando sobre temáticas como os residuos ou os prexuízos da vida nos bateyes. Durante as últimas sesións, o alumnado xerou o seu propio canle de Youtube chamado “Equipo Bateyes” , un novo espazo de creación comunitaria.

Coincidindo coas últimas sesións en San Pedro Macorís, parte do equipo encargouse de realizar dous días de formación a mulleres sobre comunicación participativa no Centro Indotel (Santo Domingo). Nestas sesións, informouse sobre tódolos tipos de ferramentas das que se pode falar cando traballamos con comunicación participativa, e das técnicas, estratexias e consellos para polas en marcha. Ademais, como é habitual en tódolos obradoiros impartidos pola organización, levouse a cabo unha sesión práctica na que as mulleres afondaron nas campañas de comunicación como ferramenta.

Durante as dúas primeiras semanas de estancia no país, e de xeito paralelo á realización de tódolos obradoiros, o equipo reuniuse coas partes implicadas na organización das presentacións do documental “Garantía de vida. A loita pola despenalización do aborto en República Dominicana”. Por unha banda, co Centro de Investigación para la Acción Femenina (CIPAF) para falar da presentación que tería lugar o 25 de febreiro en Santo Domingo. Por outra banda, co Núcleo de Apoyo a la Mujer (NAM) para concretar os detalles da proxección do día 24 en Santiago de los Caballeros. Así mesmo, durante este período, Lorena Seijo, coordinadora de Agareso e parte do equipo de produción do documental, deu numerosas entrevistas a medios de comunicación dominicanos para difundir a peza.

O xoves 24 tivo lugar a presentación na Biblioteca Alianza Cibaeña de Santiago de los Caballeros da man do NAM. Esta foi unha proxección máis íntima, á que acudiron unhas 40 persoas. Entre elas, Arelis Rodríguez, protagonista do documental. Trala proxección, numerosas mulleres se animaron a comentar as súas apreciacións, dúbidas e experiencias. Un dos temas máis controvertidos cando falamos de aborto en Dominicana, o poder e influencia da Igrexa, foi un dos protagonistas do coloquio. Mulleres practicantes falaron en primeira persoa das súas crenzas e de como estas nada teñen que ver coa súa posición a favor das 3 causais. Despois do coloquio, tódalas persoas convidadas continuaron compartindo conversa mentras disfrutaron duns pinchos.

O venres 25 celebrouse a presentación do documental no Paraninfo da Facultad de Ciencias Jurídicas y Políticas da Universidad Autónoma de Santo Domingo da man do CIPAF. Desta volta, á proxección asistiron unhas 200 persoas, moitas delas, mulleres vinculadas ao movemento polas 3 causais. A proxección foi presentada por Virtudes de la Rosa, directora do Instituto de Xénero e Familia da Universidad Autónoma de Santo Domingo. Ela deu paso a unhas palabras de Syra Taveras, directora executiva do CIPAF e de Lorena Seijo, coordinadora de Agareso.

Do mesmo xeito que a anterior, esta presentación contou cun coloquio posterior, ao que tamén asistiron algunhas das protagonistas do filme. Por unha banda, Rosa Hernández, nai de “Esperancita”, vítima da primeira causal. Por outra banda, dous dos rostros que deron a súa ollada experta: Sergia Galván (activista feminista) e Indiana Jiménez (encargada de Incidencia de Profamilia). A proxección culminou cos panos verdes das 3 causais en alto ao ritmo dos berros “las 3 causales van”.