A crise da Covid-19 tronzou pola metade a quinta edición do Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento (EpDLab), un proxecto de innovación educativa e cambio social que desenvolvemos en varios centros de Secundaria co obxectivo de educar en valores e incrementar o pensamento crítico da rapazada galega.
Ao longo de 9 sesións (unha ao mes), o alumnado dun grupo clase traballa cuestións como o sexismo, o racismo ou a xenofobia ao tempo que explora conceptos como a obxectividade e a subxectividade, a ficción e a non-ficción ou as fake-news en fotografía, cine e series, redes sociais, canles de youtube… Cada mes, abordamos unha temática concreta a través da súa representación nos medios e coñecemos as técnicas, os recursos narrativos que fan posible que ese imaxinario mediático se integre no cultural e, polo tanto, na sociedade en si mesma.
O peche dos centros de ensino impediunos celebrar nas aulas os últimos obradoiros, nos que tiñamos previsto achegar ao alumnado do proxecto a realidade de mozas e mozos da República Dominicana e traballarmos man a man con elas e eles conceptos como medio ambiente, consumo responsable e economía solidaria ou cooperación internacional, voluntariado, activismo e cambio social. Pero a distancia física non ten porque ser tamén social e pedagóxica, así que desde Agareso, co apoio do profesorado de cada un dos centros nos que traballamos, apostamos por adaptarnos ao novo contexto, con novas metodoloxías, pero cos mesmos obxectivos.
Démoslle moito a cabeza durante este mes e medio para trasladar os contidos e metodoloxías presenciais á contorna dixital, creando actividades de participación asincrónica, con dinámicas gamificadas e recursos interactivos. E xa temos resultados. A primeira destas actividades, que nos achega a realidade da rapazada da República Dominicana a través de videocartas, xa está dispoñible na plataforma Moodle Cloud. Podedes botarlle un ollo aquí empregando invitado como nome de usuario e como contrasinal e, se vos parece interesante e queredes empregala co voso alumnado, só tedes que contactar con nós. Das crises tamén xorden oportunidades. Neste caso, oportunidades para aprender a facer doutro xeito. Así que convidámosvos a aprender canda nós, participando nos nosos obradoiros de forma online.
Nas seguintes semanas iremos pendurando todos obradoiros que tiñamos pendentes, para poder seguir achegando alternativas educativas ata a fin do curso en xuño. Todos eles estarán abertos e serán de uso libre. Poñemos esta alternativa tamén nas mans do profesorado non vinculado ao proxecto que queira xestionalo de forma autónoma, por se lles parece útil para o seu alumnado actual ou por se lles parece unha boa alternativa para o vindeiro curso. Cremos que en situación de crise cada quen ten que aportar na medida das súas posibilidades solucións e alternativas. Nós intentamos facer a nosa achega con esta proposta porque, para nós, a educación é participación, reflexión e compromiso, e isto non o cambia nin unha pandemia.
O EpDLab está deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso e financiado por Cooperación Galega. Podedes coñecer máis sobre o proxecto nesta reportaxe que publicou Vinte ou no artigo Narrativas Dixitais para potenciar la creatividade, la participación y el pensamento crítico en la ensinanza obrigatoria, publicado no Congreso Internacional sobre Aprendizaje, Innovación y Cooperación (CINAIC).