Non regresou á que fora a súa facultade, porque se atopa a 4000 quilómetros dela, pero Laura Feal foi protagonista na sesión desta semana do XI Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional desde a pantalla do computador. Desde Senegal, a xornalista e cooperante ferrolá compartiu sesión cunha mesa redonda sobre o tema que foi tratado en ambas partes do relatorio: a cooperación internacional, o segundo apelido do Seminario que se colocou en primeiro lugar durante esta sesión.

Feal repasou o seu exemplo para que este servise ao alumnado, que se interesou con ela pola cuestión internacional do xornalismo. A relatora lembrou os bos tempos da prensa galega, a principios de século: “Estando en prácticas, o Diario de Ferrol mandoume ao Sahara para tratar o tema dos nenos que, cada verán, veñen desde alí a través dos programas de cooperación”. Anos máis tarde desa primeira experiencia real, sobre o terreo, Laura Feal percorrería a maioría dos países do Magreb da man da Fundación Habitáfrica, unha organización sen ánimo de lucro. “Traballar con elas serviume para crecer como xornalista, pois dotoume de moitos coñecementos e de contexto para logo facer mellores pezas sobre África, no meu caso”.

Non só iso, o mundo da cooperación achegoulle a Feal anos de aprendizaxe do oficio de cooperante. “Percorrinme toda África, realizando estudos e reportaxes, ademais de como cooperante”. Deste xeito, estivo desde Namibia ata Marrocos, pasando por Senegal ou Alxeria, onde estaría asentada sobre todo nos seus inicios, alá polo 2006, para realizar proxectos de empoderamento feminino. “Chegou un punto, logo de pasar uns anos en España, que decido volver á cooperación, pero non desde un punto de vista institucional”, apuntou Feal, avanzando no seu relato. Aínda así, a súa volta á cooperación non tivo nada que ver co seu pasado, pois, xunto con Mamadou Dia, decidiron iniciar un proxecto local, Hahatay, que involucra realmente á sociedade máis próxima, deixando de lado a visión norteña e institucional. “Hoxe en día, con Hahatay, estamos desde o outro lado, sendo a  contraparte destas grandes organizacións internacionais e traballando activamente para facer mellor a vida dos mozos de Gandiol, onde nos situamos”.

 

O propósito de Hahatay tamén é o de achegar á correcta comunicación sobre Senegal, no seu caso. “Temos colaboracións con festivais de cinema, como o de Cinema Invisible de Bilbao, pero tamén posuímos servizos para xornalistas, que chegan enviados desde Europa ata Senegal e non saben nin por onde empezar”. Laura Feal e a súa organización crean axenda para medios que queiran falar sobre o seu territorio, ademais de colaborar directamente con medios como fontes. 

Pero Laura Feal, desde ese posto en Hahatay, volveu ao xornalismo. Ese camiño que percorrera pola senda da cooperación non o ía desandar, pero decidiu compaxinar as dúas. Así, por iniciativa do xornalista Pepe Naranjo, comezou a colaborar con medios como Wiriko ou Planeta Futuro, dependente do diario El País. “Trato temas que me atopo no día a día e que creo que deben estar presentes nos medios de comunicación, aínda que moitas veces non figuren en axenda”.

Para a segunda parte do relatorio estaba preparada unha mesa redonda entre a propia Feal, o seu compañeiro en Hahatay Mamadou Dia, artivista migrante e fundador da organización, e Sofía García, experta en comunicación social e traballadora da Asociación Solidaria Andaluza de Desenvolvemento (ASAD). Estas tres voces, que sempre estiveron pendentes ás preguntas do alumnado, trataron sobre todo o tema da comunicación das organizacións, desde o seu posicionamento publicitario ata a súa relación cos medios de comunicación.

Pero non só a comunicación tomou presenza, tamén a cooperación propiamente dita, mesmo a través de conceptos teóricos. Unha sesión plural, que terminou sumando cadeiras a esa mesa redonda para que, como sempre, sentase todo o alumnado e así expuxese as súas dúbidas, preguntas e reflexións sobre o tema de hoxe.