O Encuentro Feminista Latinoamericano y del Caribe foi un fervedoiro de debates, propostas, ideas e, sobre todo, de colaboración no que máis de 1600 mulleres feministas de América Latina e países aliados achegaron as súas experiencias e as súas reflexións para construír unha axenda de traballo conxunta para o próximos tres anos. Cinco intensos días, que culminaron na manifestación do 25 de novembro en San Salvador.
Houbo 12 asembleas sobre temáticas diversas que incluíron as perspectivas do ecofeminismo, de identidades diversas, do feminismo decolonial e racializado, entre outras, e das que saíron propostas moi interesantes que despois foron revalidadas nunha plenaria conxunta. Consulta aquí o posicionamento.
Desde Agareso participamos na asemblea de Retrocesos Democráticos xunto a outras 300 mulleres. Guatemaltecas, arxentinas, paraguaias, nicas, salvadoreñas… moi preocupadas por deriva autoritaria que se xerou no continente americano, pero tamén atentas ao que sucede en Europa. A pesar das grandes diferenzas de contexto que pode haber entre Países Baixos, España, Alemaña e os países latinoamericanos presentes no encontro, a conclusión máis clara que se pode sacar de todas as experiencias relatadas é que a ultradereita e as súas estruturas de poder comparten obxectivos a nivel transnacional e que as estratexias se repiten duns lugares a outros, aproveitando sempre problemáticas sociais reais ou xeradas exprofeso e amplificadas mediáticamente, para situarse con discursos radicais en contra de mulleres, persoas lgtbiq+ e minorías étnicas. Que as problemáticas sociais non teñan nada que ver con estes colectivos non importa porque na súa estratexia internacional está xerar discurso de odio contra eles e acabar cos dereitos adquiridos.
E que pode facer o movemento feminista internacional para combater a deslegitimización da democracia e as estratexias dos grupos antiderechos? Pois precisamente ter, como eles, unha estratexia internacional. Unha estratexia que poña en valor as virtudes da democracia, pero tamén que profunde nos seus valores, xa que á democracia fanlle falta apelidos. Non é suficiente cun sistema que garanta a elección popular, fai falta un sistema que garanta o cumprimento dos dereitos humanos. En democracia non se pode meter na cadea a persoas sen cumprir o debido proceso, en democracia non se pode expulsar a xuíces, fiscais e activistas do país, en democracia non se pode apresar por ideas, en democracia a impunidade non pode roldar o 90% e en democracia a liberdade de expresión e de manifestación ten que estar garantida.
O caso de Guatemala, no que as propias estruturas gobernamentais están a destruír as bases do sistema democrático desde dentro, utilizando a xuíces e fiscais para realizar un golpe de estado contra o presidente electo nas pasadas eleccións, e no que a mobilización cidadá impediu, até o momento, que cumpran cos seus obxectivos, é un bo exemplo dos riscos que corremos e dos retos da sociedade civil organizada. En conclusión, a democracia ten que ser feminista, ten que pór o coidado e protección dos individuos e do planeta no centro das súas decisións, e os partidos políticos que se postulen ás eleccións teñen que integran as propostas feministas, defender os dereitos humanos e respectar os valores que sustentan unha verdadeira democracia. Só así conseguirán o apoio do movemento feminista.
Defendendo dereitos desde a cooperación
Agareso tamén participo en diferentes encontro e conversatorios sobre dous temas que nos importan como organización e que temos incorporados nos nosos proxectos: a loita pola despenalización do aborto en América Latina e a protección de defensoras de Dereitos Humanos. De forma directa nos nosos proxectos de República Dominicana xunto ao Centro de Investigación para la Acción Femenina e no Salvador coa Colectiva Feminista por el Desarrollo Local traballamos para facer incidencia social e política e en reforzar as estratexias, capacidades e ferramentas dos movementos de mulleres para loitar polos seus dereitos. Ademais, este mes de novembro botamos a camiñar un proxecto de acollida temporal de defensoras de dereitos humanos en Galicia, xunto ás nosas compañeiras de SIG e Ecos do Sur, polo que tamén acudimos ao taller de IM-Defensoras cuxa ampla experiencia e visión integral da protección a defensores e defensoras foinos moi útil.