O pasado mes de setembro comezamos a traballar na segunda fase do da Xeración Contrainfo, un proxecto de Educación para o Cambio Social impulsado por Agareso co financiamento da Xunta de Galicia para atallar a raíz do mecanismo que xera os discursos de odio, traballando a partir da empatía e mellorando a alfabetización mediática do alumnado, co obxectivo de evitar que callen os discursos emitidos polos grupos extremistas nas redes sociais e que poden levar a nosa adolescencia cara a posicións intolerantes e radicalizadas.

Nesta segunda edición queremos traballar contra o discurso lgbt-fóbico nas aulas, para o que contamos coa axuda da asociación de familias de menores trans Arelas, da Rede educativa de apoio LBGTiQ+ de Galicia, de Daniela Ferrández e de Xandre Garrido, de Avante LGBT. Ao longo destas primeiras semanas estivemos recollendo información sobre a dimensión e a natureza da lgbt-fobia nos nosos centros de ensino, con intensas sesións de traballo con cada un dos colectivos.

Tamén traballamos arredor da islamofobia cun nutrido grupo de mulleres procedentes de Marrocos, man a man coa ONGD Sen Valos, co obxectivo de profundizar na problemática específica deste colectivo dentro da metolodoxía didáctica para traballar contra o discurso de odio racista.

Axiña trasladaremos as aprendizaxes extraídas das xenersoas conversas con estes colectivos a unha enquisa coa que cuantificaremos a presenza destes discursos e actitudes entre o alumnado galego. Manterémosvos ao tanto.