A activista salvadoreña Laura Herrera, responsable do Programa Feminismo e Xustiza Ambiental da Colectiva Feminista Para o Desenvolvemento Local, denunciou na súa visita ás localidades de Tomiño, Burela, Cariño, Pontedeume, Cabanas e Nigrán as consecuencias que ten para El Salvador a mala xestión dos recursos naturais e explicou en qué consiste o movemento salvadoreño para a xestión popular da auga, así como as sinerxias que se xeraron para tecer este movemento a nivel municipal e social.
Tomiño Burela Cariño
A activista defendeu o dereito humano á auga, por riba dos intereses empresariais, e falou sobre o traballo que se realizan nas comunidades rurais de El Salvador nunha intensa xira pola xeografía galega na que puido conversar coa alcaldesa de Tomiño e cos alcaldes de Burela, Pontedeume, Cabanas e Nigrán, ademais de con concelleiras e concelleiros responsables das distintas áreas, con persoal municipal encargado das labores de xestión da auga, de igualdade, de participación e da axenda 2030 e con entidades sociais de todas as localidades.
Pontedeume Tomiño Nigrán
Tamén tivo ocasión de conversar con alumnado de Tomiño e Nigrán e visitou dous sistemas de xestión da auga: a estación de tratamento de auga potable de Cabría, en Pontedeume, xestionada pola empresa Viaqua; e unha traída de auga comunitaria, en Nigrán, onde estivo acompañada por responsables da Asociación de traídas de auga rural, Coxapo, que a informaron sobre as problemáticas que afrontan no seu labor no territorio galego. Finalmente, puido coñecer as mulleres implicadas na xestión da auga nas parroquias do municipio pontevedrés e escoitar as dificultades que atopan, tamén en Galicia, á hora de participar nun sector tradicionalmente tan masculinizado.
Instalacións de Viaqua en Pontedeume Con Coxapo en Tomiño Mulleres lideresas da auga en Galicia
Os membros das corporacións locais interesáronse por como recibían as administracións locais salvadoreñas o proxecto, valorando a dimensión municipalista da proposta, así como polos próximos pasos e obxectivos. Tamén preguntaron pola posibilidade de desenvolver un traballo similar nas escolas e sobre como se traballa cos homes das comunidades para que vexan con bos ollos a incorporación das mulleres a postos nos que tradicionalmente non estaban representadas.
O alcalde de Pontedeume mencionou tamén o episodio de turbidez que presentaron hai uns anos as augas da localidade, recordando os dez “catastróficos” días sen acceso á auga, poñendo de manifesto “o importantísimo deste recurso que moitas veces non valoramos como deberiamos”.
Os representantes da corporación municipal de Cabanas, pola súa banda, salientaron a importancia da organización social “en rede”, reflexionando sobre o importante papel que desenvolven as mulleres do rural na localidade e valorando moi positivamente a experiencia da organización salvadoreña.
Escola de lideresas e comunicadoras comunitarias
Nesas xuntanzas, a activista salvadoreña presentou tamén os resultados da Escuela de lideresas por la defensa ambiental que a Colectiva Feminista desenvolveu ao longo do último ano no Departamento de Cuscatlán, coacompañamento de Agareso e co financiamento do Fondo Galego de Cooperación.
Herrera contextualizou a situación medioambiental que están a vivir moitos dos países latinoamericanos e como as nosas pautas de consumo xeran impactos negativos en países como El Salvador. E explicou os mecanismos de participación cidadá que promoveu a Colectiva Feminista para visibilizar esta situación, como a Consulta Popular polo Dereito Humano á Auga, que pretende regular as actividades que afectan a xestión integral da auga, garantindo a súa sustentabilidade e que a poboación sexa prioridade na súa distribución.
En El Salvador, as problemáticas ambientais afectan especialmente as e os habitantes das comunidades pobres e rurais e, aínda que existen mecanismos para denunciar, estes non son o suficientemente coñecidos para facelo sen medo ou para impulsar accións de contraloría social e cidadá. Por outra banda, o desinterese e a falta de educación ambiental da poboación xeran un certo acomodo das institucións e das diferentes estruturas comunitarias para a defensa, promoción, protección e restauración dos Dereitos e da Xustiza Ambiental.
Tanto Agareso como o Fondo Galego de Cooperación buscan, con estas actividades, dar a coñecer os resultados do proxecto, vincular as loitas de Sur coas que se están a dar en Galicia, e sensibilizar tanto aos concellos, como aos medios de comunicación e os movementos sociais da necesitade de xerar sinerxias para que estas loitas poidan ter impacto.
Algunhas lideresas galegas
Na súa visita a Galicia, Laura Herrera tivo ocasión de conversar con algunhas das lideresas galegas que, nos últimos anos, foron ocupando pouco a pouco cargos de responsabilidade nas comunidades de xestión de auga de Coxapo. Nese intercambio, puido comprobar que as problemáticas que limitan o acceso das mulleres aos postos de liderazgo son globais e que as estratexias e solucións tamén o poden ser. Unha destas mulleres que agora vos presentamos expresou na súa conversa coa activista salvadoreña que o camiño que a levou cara a un posto de responsabilidade na xestión da auga da súa comunidade non foi sinxelo, pero que non se arrepinte de telo feito: “é importante que nós esteamos aquí, para as mulleres de hoxe e para as que veñan detrás”.
Cristina Martínez Álvarez Elena Díaz Sampayo Mónica González Álvarez Mónica Otero Álvarez Montse Martínez Gómez Pili Seves Álvarez
Na conversa, tamén estiveron presentes lideresas políticas da localidade, que amosaron a súa unidade na defensa da necesaria incorporación das mulleres aos postos de toma de decisións.
Cristina Martínez Violeta de Santiago Isabel Díaz