Futuras e futuros profesionais da Educación Social, da Integración Social e da Psicoloxía Social puideron coñecer de primeira man o traballo da rapazada da Tribo nas derradeiras proxeccións desta terceira edición do proxecto que desenvolvemos con Igaxes e grazas á colaboración de Fundación “la Caixa”.

As habilidades creativas, de traballo en equipo e de exposición pública da rapazada foron algunhas das cuestións que máis chamaron a atención das profesionais e do estudantado das universidades galegas, como tamén a capacidade de participación, o entusiasmo e a autonomía das participantes da Tribo.

As encargadas de defender o traballo do grupo nas facultades de Educación Social e de Psicoloxía e no CIFP Compostela, pola súa banda, destacaron a importancia de que as profesionais escoiten “realmente” a rapazada en risco de exclusión social, dende o respecto e a vontade de comprender a súa situación en toda a súa complexidade. “A saúde mental”, concluiu unha das alumnas do Máster en Intervención Social e Comunitaria da USC, “ten que ver con isto, con crear lazos e con acompañar procesos que permitan reparar as vidas das persoas”.