Un cento de rapaces e rapazas de toda Galicia participan este xoves día 25 pola mañá nun hackaton en liña para combater o discurso de odio nos medios e nas redes sociais. A actividade pertence ao proxecto de innovación educativa EpDLab, que desenvolvemos dende hai 6 anos co financiamento de Cooperación Galega e no que este curso participa alumnado de 2º da ESO de IES do Milladoiro, de Brión, de Silleda, de Bueu e de Viana do Bolo.

En anos anteriores, o Hackaton celebrouse presencialmente en Silleda

Un Hackaton é unha maratón hacker, un encontro de traballo intensivo no que un grupo de persoas se coordina para solucionar un problema nun breve lapso de tempo. En anos anteriores celebrouse en Silleda, pero este curso ten que trasladarse á rede para sortear os riscos que suporía durante a pandemia xuntar rapazada de distintos centros de Galicia nun mesmo espazo. O obxectivo é que a rapazada coñeza alumnado doutros lugares e colabore na elaboración dunha campaña de comunicación conxunta contra o discurso de odio. Para facelo, terán que reflexionar sobre a importancia que ten a subxectividade na lectura que facemos cada unha e cada un de nós dos contidos que recibimos a través dos medios e das redes sociais, descubrirán os mecanismos que favorecen o espallamento dos estereotipos e bulos e aprenderán a desmontar o discurso de odio que sofren as persoas migrantes ou outros colectivos.

Algunhas das claves coas que traballarán serán desenvolver a empatía e aprender a poñerse no lugar doutras persoas, evitar o uso de etiquetas ou estereotipos ao falar desas outras persoas que pertencen a outros países, culturas our azas, desmentir bulos e denunciar os contidos racistas que vemos nas redes e reivindicar que todos os seres humanos debemos ter os mesmos dereitos. Farano, empregando a súa creatividade e o seu coñecemento das tecnoloxías da comunicación e das redes sociais para elaborar memes e vídeos contra o discurso de odio.

EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros grupos en El Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa durante todo o curso con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen nas súas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade. O EpDLab está deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso e financiado por Cooperación Galega. Podedes coñecer máis sobre o proxecto no artigo Narrativas Dixitais para potenciar la creatividade, la participación y el pensamento crítico en la ensinanza obrigatoria, publicado no Congreso Internacional sobre Aprendizaje, Innovación y Cooperación (CINAIC).