O martes 11 de maio ás 16:30h, o noso voluntariado presentou na aula 0 da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, #Mudaoconto, unha campaña de sensibilización contra o discurso do odio que propón novas narrativas e chama á responsabilidade dos novos e novas profesionais da comunicación. Que entendemos por discurso do odio? Sabemos identificalo? E reaccionar a el? Estas son algunhas preguntas que tratamos de responder a través das dinámicas e pezas audiovisuais que propuxo a presentación da campaña.
A sesión comezou de xeito inesperado para as persoas participantes. Unha dinámica abriu a presentación, buscando que os/as asistentes comezasen a mergullarse no tema dende outra perspectiva, esquecendo os prexuízos e discursos “politicamente correctos” que puidesen chegar de primeiras ás súas mentes. Comezamos definindo que consideramos discurso do odio, e continuamos poñéndonos na pel de persoas que o sofren día a día a través da interpretación dalgunhas escenas cotiás nas que este discurso esta moi normalizado. Titulamos estas interpretacións, coma se de novas se tratasen, reflexionando cal é o tratamento habitual destes feitos e cal debería ser. Tralas dinámicas e despois de afondar no tema, achegamos o por que da iniciativa e expuxemos a necesidade de cuestionarnos sobre cal é o noso papel na sociedade e no sistema, como profesionais ou futuros/as profesionais da comunicación.
O discurso do odio sorprende cada vez máis como protagonista nos espazos públicos, en titulares e novas dos medios de comunicación, así como en mensaxes racistas, sexistas, tránsfobas, difusores de aporofobia, etc. nas redes sociais de, cada vez, máis porcentaxe da nosa sociedade. #Mudaoconto chega para amosar o grao de responsabilidade que temos as novas xeracións, para dar paso á reflexión e ao debate. Entederemos con esta campaña como identificar estes discursos discriminatorios e aprenderemos como afrontalos e enfrontalos dende novas narrativas que avoguen polo respecto, a igualdade, a empatía e a xustiza social.
#Mudaoconto é unha iniciativa que xorde do proxecto “Mocidade contra o discurso do odio”, un proxecto financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, que puxo en marcha o voluntariado xuvenil de Agareso neste 2021. Co obxectivo de concienciar e sensibilizar ás novas xeracións de xornalistas e comunicadores/as, o voluntariado propón unha campaña dende as redes sociais, que ademais de ensinar a quen a atope navegando por Instagram, Twitter ou Facebook, supón un gran aprendizaxe para o voluntariado que participa dela.