O venres 5 de maio presentouse en rolda de prensa a “I Semana Intercultural de Lugo” impulsada polo colectivo Lugo Xusta e o Concello de Lugo, na que Agareso participa ofrecendo dous talleres e un programa de radio en directo.

Esta I Semana Intercultural da cidade de Lugo que celebrarase do 8 ao 13 de maio con actividades gratuítas e para todos os públicos. Cine, concertos, conferencias, obradoiros, exposición, contacontos, unha chea de propostas de carácter ético e solidario para achegar á cidadanía a importancia de respectar os dereitos humanos, promover o consumo responsable e fomentar a convivencia pacífica.

Dentro da programación celebrarase a xornada “Contribuíndo aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través do Consumo Responsable e o Comercio Xusto” que terá lugar o mércores 10 de maio a partir das 16.30hr no Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo e que ten como obxectivo dar a coñecer experiencias que permitan desenvolver políticas comprometidas co Desenvolvemento Sostible local e mundial, co ánimo de favorecer atitudes solidarias entre a cidadanía, especialmente asociadas ao modelo de desenvolvemento sostible que precisa de respostas colectivas, tanto no plano público como no social e empresarial.

O xoves día 11, Agareso participará cos talleres de “Dobraxe de películas” e de “Contrapublicidade”. Ambos desenvolveranse no Centro de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo. O primeiro está dirixido a nenos e nenas de 8 a 10 anos e será ás 18.00 horas. O obradoiro de contrapublicidade está dirixido a nenos e nenas de 12 a 16 anos e será ás 20.00 horas. Ambos obradoiros teñen prazas limitadas, polo que pódese reservar praza a través do correo agareso@agareso.org.

Esta semana culminará o sábado 13 de maio nunha gran festa na Praza Maior de Lugo na que haberá un Mercado de Comercio Xusto e Responsable e actividades diversas ao longo de toda a xornada. Dende alí, Este peche de xornadas así como o máis importante da semana será retransmitido por Agareso dende a propia Praza a través de radio en directo.

Trátase dunha Xornada aberta a tódolos axentes interesados en fomentar o consumo responsable na nosa cidade: profesionais da hostelería, comercio minorista, tecido empresarial e cidadanía en xeral. Contarán coa participación de Lara Méndez e Rosana Rielo (Concello de Lugo), David Comet (membro de IDEAS e coordinador da campaña Cidades polo Comercio Xusto), Paula López Casado (Universidade de Cantabria), Silvana Folgueira (Universidade Sostible da USC) e Marta Pérez (Bico de Grao). Desfrutaremos dunha degustación de produtos de Comercio Xusto.

Lugo Xusta  é o grupo de traballo que promociona a campaña “Cidades polo Comercio Xusto” en Lugo. Do grupo participan persoas a título individual e colectivos sociais como Asamblea de Cooperación pola Paz, Bico de Grao, Manos Unidas, Solidariedade Internacional e Taller de Solidaridad.