A creadora de contido e escritora do libro “España no es solo blanca” participou este martes na segunda sesión do curso Comunicar para o Cambio, onde compartiu a súa experiencia como divulgadora en redes e como persoa migrante e racializada.
“Eramos simples persoas ata que chegou o home europeo e nos chamou negros”. Con esta cita da antropóloga e poeta afrodescendente Shirley Campbell Barr resumiu Silvia Ayang, coñecida en redes como Afropoderossa, o contido da súa exposición diante dos alumnos do curso Comunicar para o Cambio, que a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) está a organizar na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo.
Centos de miles de seguidores en redes sociais, onde algúns dos seus vídeos acumulan millóns de reproducións, avalan a faceta como comunicadora de Afropoderossa, quen na súa intervención explorou diferentes temas relacionados ca percepción das persoas racializadas nas sociedades do norte global, así como das súas culturas e hábitos.
O seu discurso percorreu unha ampla variedade de temas, como a vinculación das pinturas cubistas de comezos do século pasado coas máscaras tribais africanas e a diferente consideración de ambas manifestacións artísticas. Outros asuntos comentados foron, por exemplo, a desvinculación e desmemoria do Estado español co seu pasado colonial en África ou a falta de interseccionalidade nas primeiras ondas do feminismo. “O feminismo branco nunca representou ás mulleres negras, xamais”, sostivo Silvia.
Tanto os contidos da charla como as preguntas formuladas polos alumnos tamén viraron en torno á propia experiencia persoal da ponente, quen atravesou diferentes complicacións burocráticas para poder emigrar a España de xeito legal dende a súa Guinea Ecuatorial natal. O autoodio, os cánones de beleza impostos dende o norte global (sacados a colación do caso de Sara Baartman e das violacións de dereitos humanos que sufreu) e as expresións racistas presentes na linguaxe cotiá tamén foron suxeito de debate nesta sesión do curso de Agareso de especialización na comunicación para o cambio social.
Precisamente a conferencia de Afropoderossa serviu para, ademais de advertir da presenza dos discursos de odio racistas e machistas en redes, poñer exemplos de boas prácticas divulgativas facilitadas polas novas ferramentes tecnolóxicas. “As redes sociais son unha ferramenta moi boa se as sabes usar”, afirmou, para logo dar conta do seu día a día como creadora de contido e explicar as súas rutinas de traballo neste eido. Incidiu en que a mocidade está especialmente presente nestes espazos e en que é fundamental comunicar neles para que as mensaxes cheguen a públicos amplos.
O coidado da imaxe de marca, a claridade no contido do que se quere falar e a mensaxe que se quere transmitir foron algúns dos elementos mencionados coma imprescindibles á hora de divulgar; mentres que tamén quixo facer de menos a importancia da posible contestación recibida en forma de comentarios racistas.