Mozas e mozos de entre 14 e 23 anos constrúen n’A Tribo o seu propio relato social nunha experiencia de vídeo participativo que compartimos con Igaxes e coa á colaboración de Obra Social laCaixa.

Os prexuízos son a antesala da discriminación. E cando afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable, poden chegar a converterse nun estigma moi doloroso. Non é certo, por exemplo, que o alumnado con dificultade nos estudos non teña vontade de aprender. Nin é certo que a mocidade tutelada estea nun centro de protección por facer algo malo. Non son máis que estereotipos, pero parte da sociedade aínda os toma por certos. Moitas mozas e mozos en risco de exclusión padecen cada día as consecuencias de estigmas inxustos que pesan e discriminan. Unha forma de combatelos é crear espazos para que sexan elas e eles mesmos quen poidan construír o seu relato da realidade. Coa súa propia voz e desde a súa propia visión.

A Tribo existe para iso. Trátase dunha experiencia de vídeo participativo capitaneada por 18 mozas e mozos de entre 14 e 23 anos. Elas e eles son protagonistas de todo o proceso de creación: desde a idea inicial ata a montaxe final. Numerosos estudos teñen probado que é posible promover a igualdade social a través das artes. O contacto continuado coas artes fai posible que as mozas e mozos en dificultade melloren tanto os seus resultados na escola como o seu compromiso cívico e social. Isto permite reducir a desigualdade de oportunidades con respecto á mocidade dun nivel socioeconómico máis alto.

Axiña vos contaremos máis sobre esta Tribo.