A Islamofobia converteuse no principal delito de odio en España. A Plataforma Cidadá contra a Islamofobia en 2016 rexistrou 573 incidentes dos que o 14,14% foron actos contra mulleres.

Europa vive en pánico. Resulta terrorífico atoparse unha mochila sen dono nunha estación de tren ou nun aeroporto. Asusta escoitar unha porta pecharse bruscamente sen saber de onde procede ese estrondo. “Pensan que en calquera momento imos facer que algo explote” así narra Hana Jalihena, saharauí actualmente residindo en Galicia e musulmá, o que sente cando alguén se cambia á outra beirarrúa ao ver o seu hiyab e identificar a relixión que practica.

Luz Gómez García, arabista española e profesora da Universidade Autónoma de Madrid, afirma que “en occidente pensamos que os musulmáns conforman un corpo homoxéneo e que o Islam é un e idéntico no tempo e no espazo, o cal é radicalmente falso”. Luz explica, ademais de que o tratamento que os medios de comunicación fan hoxe en día sobre o terrorismo favorece o rexeitamento das sociedades europeas cara o Islam ao identificar aos seus practicantes como extremistas e, polo tanto, perigosos, que a orixe da islamofobia se remonta anos atrás. Esta arabista cree que “os países e as sociedades se restregan en si mesmos en momentos de crise económica, política e social, etc. Buscan chibos expiatorios nun suposto outro, nun suposto diferente, alguén de fóra: o inimigo que, neste caso, se identifica co Islam xa que o fluxo migratorio de musulmáns a Europa foi continuado dende a 2º Guerra Mundial”. Isto acontecía, nun primeiro momento, debido as relacións coloniais e post-coloniais que mantiñan, sobre todo, Francia e Gran Bretaña con países cuxa relixión maioritaria era e é o Islam. Sen esquecer a incesante busca europea de man de obra barata: Alemaña en Turquía, España en Marrocos, etc. Cando a Luz lle preguntan por posibles solucións ante a crecente islamofobia non dubida en sinalar a necesidade de “coñecernos como cidadáns dun mesmo espazo”.

Foto: Defesanet

Mohamed, máis coñecido no seu círculo próximo como Doutor Faruk, chegou a España dende Palestina en 1970. Quería estudar medicina e esa carreira non existía no seu país de orixe por aquel tempo, así que se lanzou á aventura e viaxou a Exipto, onde escoitou falar sobre o ben que se vivía en España. Agora conta a súa historia dende a mesquita do Centro Islámico de Galicia, en Santiago de Compostela. Ademais de médico é imán— a persoa que dirixe a oración colectiva no Islam e que, a diferenza do que se poida pensar, non se corresponde co que sería un sacerdote ou un rabino nas relixións cristiá e xudía respectivamente, xa que calquera que coñeza en profundidade o ritual de rezo pode actuar de imán — e organiza os sermóns dos venres.

Entón, que é o Islam? Antes de que o doutor comezara a súa explicación, Mohamed Rifat, un marroquí que chegou a Galicia nos anos 80 en busca de traballo, apresurouse a dicir que só e a súa relixión, que seguen sendo persoas, ao igual que o resto. O Islam é, en efecto, unha relixión monoteísta cuxo principio básico se fundamenta en que non hai máis Deus que Allah e que Mahoma é o seu profeta. Sen embargo, ninguén arremete contra os musulmáns e musulmás porque a súa fe estea dirixida a Allah e non a outro Deus. A maior parte dos argumentos de rexeitamento focalízanse na práctica que supostamente teñen que levar a cabo. Pásanse o día rezando? É certo que os musulmáns e musulmás practicantes realizan rituais de oración cinco veces ao día: dende a alba ata o anoitecer. Non obstante, Mohamed aclara que o rezo non ocupa máis de dez minutos: o que tardan en lavarse as mans e os pés — procedemento previamente requirido — e a posterior oración. Non comen porco? Que raros son, non? Non, a relixión musulmá non inclúe o porco na súa dieta ao consideralo un animal impuro. “Podemos comer de todo menos porco, nós temos fe en Allah e se el veta o porco é porque non é bo” explica Mohamed. Ademais, non é so a islámica a relixión que prohibe algún tipo de alimento. Sen ir máis lonxe, o cristianismo veta o consumo de carne durante a Cuaresma e o xudaísmo non permite consumir carne e lácteos ao mesmo tempo. Con respecto a polémica creada nun colexio galego debido a eliminación do porco do menú escolar pensa que se deberían respectar as preferencias alimenticias de cada quen. “Cando os meus fillos ían a escola tíñamos o mesmo problema e sempre lles dicíamos que deixaran o porco e comeran o resto, o que puideran”. Nin sequera poden tomar unha cervexa? O imán aclara que el non bebe alcol porque o considera algo perxudicial para a saúde, pero que iso non lle impide divertirse cos seus amigos ou ir a bares e cafeterías. Ademais especifica que o Islam non é unha imposición, senón unha elección.

A influencia que exerce o descoñecemento das respostas a preguntas que se formulan moitas persoas que non están familiarizadas co Islam provoca a utilización de argumentos deste tipo en calquera debate relixioso de tarde de domingo. Normalmente, o reproche principal céntrase no machismo que supostamente está implícito no Islam. As mulleres non son libres, mándanlles levar iso na cabeza. “Eu véxome guapísima co velo” así responde Hana Jalihena ante os constantes ataques que recibe por decidir usar hiyab. “Nin a miña nai nin o meu pai me obrigan a levalo, fágoo porque quero”. Hana naceu nos campamentos de refuxiados de Tinduf, Arxelia e instalouse en Galicia grazas á labor dunha ONG que loita polos dereitos do pobo saharauí e a unha familia galega coa que vive actualmente. Conta con firmeza como sente que a xente a mira como a un becho raro cando vai camiñando pola rúa co seu hiyab. Insiste en que son persoas, que non fan dano a ninguén e que ela como muller ten o mesmo dereito a decidir taparse como calquera outra o ten a mostrar máis o seu corpo. Para ela o hiyab é “unha prenda de roupa máis. Levar velo é igual de respectable que levar piercings”. Aínda así din que teñen dereito a decidir pero nos seus países obríganas a levar o velo posto. Iso é imposición. Luz Gómez aclara que non podemos confundir o Islam coo uso político que poidan facer distintos réximes sobre a doutrina islámica. “Aínda que Arabia Saudita estableza como teñen que vestir as súas mulleres, iso non quere dicir que o Islam o apoie. De feito, moitas correntes rexéitano”. A propósito deste debate, Luz revive a noticia publicada o pasado marzo sobre o fallo emitido polo Tribunal de Luxemburgo a favor da posibilidade de que as empresas prohiban o uso do velo no traballo: “En ese momento publicáronse moitos tweets que comparaban estas políticas europeas coas de países como Arabia Saudita ou Irán”.

Mohamed recorda que ao redor do mundo viven millóns de musulmáns e musulmás e que o único que queren é levar unha vida pacífica. A relixión forma parte da súa vida e a Comunidade Islámica de Galicia está loitando para mellorar un dos aspectos relacionados con ela: queren un cemiterio musulmán. Explica que os seus enterros  non son iguais aos cristiáns, que se necesitan unhas condicións especiais. No Islam non se utiliza ataúde, o corpo envólvese cunha manta branca que está en contacto directo coa terra. “A maior parte das persoas que morren aquí son repatriadas aos seus países de orixe pero iso é moi caro, por iso queremos ofrecer unha alternativa”. Esta proposta xa foi consultada no Parlamento de Galicia e “agora estamos á espera de axuda económica” di Mohamed. Ademais, gustaríalle poder construír unha nova mesquita “en condicións”, onde o espazo de rezo sexa amplo e adecuado. “Gustaríanos poder usar esa mesquita non só para orar senón tamén para realizar tamén talleres de, por exemplo, lingua árabe”.

Hana ten 18 anos e a pesar dos prexuizos que poidan supeditar a súa curta idade, é unha muller forte que ten claros os seus ideais políticos e sociais. Fala con entusiasmo sobre como soña con poder viaxar en algún momento da súa vida a un Sáhara Occidental independente. Quere estudar medicina e reclama que ten “o mesmo dereito a traballar e a vivir ca ti. Se teño os meus estudos e a miña carreira, vou atoparme con máis dificultades á hora de encontrar traballo só por levar velo?”. A liberdade é un concepto fundamental do seu discurso. “Aquí todo o mundo fala da liberdade pero non entenden que a liberdade ten que ser igual para todo o mundo”.

Nun mundo globalizado, o medo e a desinformación parecen estar gañando á empatía. A Plataforma Cidadá contra a Islamofobia recalca que o odio non se perpetúa só a través de ataques físicos e psicolóxicos senón tamén do carácter islamofóbico de certos partidos políticos que están vendo aumentados o seu número de seguidores na actualidade. Mentres tanto, Hana repite que “non somos terroristas”.