Esta tarde celebrouse a terceira xornada do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional, centrada no tratamento dos Dereitos Humanos no Xornalismo. Gabriela Sánchez Iglesias, redactora da sección ‘Desalambre’ en eldiario.es, protagonizou a sesión presentando os Dereitos Humanos como algo a ter presente como base de toda información.

Na primeira metade da xornada, Sánchez Iglesias comezou explicando aos asistentes que os Dereitos Humanos debían asumirse como algo transversal, que non deben de ser atendidos unicamente nunha sección illada. Porén, fixo fincapé na necesidade dunha maior profundización en temas de ámbito social como, por exemplo, o da inmigración – no que se centra ‘Desalambre’ –, ademais dunha especialización e sensibilidade concretas no seu tratamento. Así mesmo, apuntou a dificultade engadida que plantexa a cobertura destes temas ante a falla de interese por parte do público, o que require innovar con novas estratexias comunicativas para chegar a el.

Por outra banda, a xornalista de eldiario.es salientou a importancia de dar voz aos propios protagonistas das historias, aínda sen esquecer as outras caras da realidade. Explicaba, ademais, que é fundamental apuntar cara os responsábeis á hora de realizar xornalismo de DDHH, ver que institucións, que organismos poderían facer algo e que, sen embargo, non o fan. É dicir, non quedarse nunha reportaxe cunha historia, senón ir máis alá.

Despois dunha breve pausa, os alumnos retomaron a sesión dispostos a debater. Abriuse un coloquio sobre o tratamento da información por parte dos medios de comunicación, sobre a súa función concienciadora e a súa capacidade de cambio. Os asistentes interesáronse, por exemplo, en temas como o coñecido “complexo do salvador branco”, as consecuencias do clickbait e incluso a maneira de actuar que deberían asumir os propios medios fronte ao auxe da extrema dereita.