O audiovisual comprometido foi o protagonista da quinta sesión do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional organizado por Agareso e Asemblea de Cooperación por la Paz dentro do proxecto Escolas sen Racismo. Achegándose ao audiovisual como ferramenta con unha gran capacidade de sensibilización, os asistentes chegan ao ecuador da súa formación.

Durante a primeira sesión, Rocío Cadahía, presidenta de Agareso, presentou o audiovisual comprometido como unha alternativa para valerse da comunicación á hora de actuar sobre a realidade e cambiala. Así mesmo, fixo fincapé na multitude de formatos e posibilidades que hoxe en día ofrece o mundo audiovisual, cada vez máis económico e sinxelo de difundir, chegando día a día a un público maior. Unha vez introducida a ferramenta, a presidenta de Agareso ofreceu aos asistentes consellos e técnicas para a elaboración dun bo guión documental, destacando a importancia deste á hora de poñer en marcha calquera proxecto audiovisual. Así, resaltou a importancia de escoller ben a idea que se quere contar, así como o público ao que queremos transmitila.

Despois dunha breve pausa, chegou o turno de Antonio Grunfeld, hoxe coa mirada posta no outro lado da aula. Antonio, director de documentais entre outras moitas facetas, achegou aos alumnos ao lado máis técnico do traballo audiovisual. Así, decantouse por expoñer as súas experiencias e a súa propia metodoloxía de traballo, dando consello e exemplos que puidesen axudar nos proxectos do propio alumnado. Deste xeito, abordou temas como a organización do equipo técnico, a gravación en terreo, a edición ou a difusión do contido. Porén, non esqueceu reservar uns minutos para guiar aos asistentes á hora de xestionar e financiar un proxecto audiovisual.