Mulleres lideresas pola sostibilidade ambiental en El Salvador
Mulleres lideresas pola sostibilidade ambiental en El Salvador
Ámbito territorial: El Salvador (Departamento de Cuscatlan)
Data: 2021-2022
Persoas beneficiarias: 75 mulleres e mozas dos municipios de Suchitoto, Candelaria e Tenancingo e as súas comunidades
Parcería: Asociación Colectiva de Mujeres para el Desarrollo Local (CFDL)
Principal Financiador: Fondo Galego de Cooperación
Orzamentos
2021- 2022: 35.020,78 €
O proxecto Mulleres lideresas pola defensa e pola sostibilidade ambiental no Departamento de Cuscatlán (El Salvador) que desenvolvemos dende a primavera de 2021 ata a de 2022, man a man coa Asociación Colectiva de Mujeres para el Desarrollo Local (CFDL), busca o fortalecemento dos liderados e da participación cidadá de mulleres ambientalistas salvadoreñas na promoción dos dereitos ambientais e na defensa do territorio dos municipios de Suchitoto, Candelaria e Tenancingo a partir da contraloría social e da sensibilización ambiental comunitaria.
A proposta suma, tamén, a promoción da participación das mulleres na defensa do Dereito Humano á Auga e a protección dos bens naturais. Desde o Eixo de Feminismo e Xustiza Ambiental vén traballando na sensibilización ambiental, o empoderamento e a formación política de mulleres para que poidan ir xerando cambios no seu actuar persoal, comunitario e municipal, en primeira instancia vinculándose ás estruturas comunitarias ou municipais para a defensa e protección da auga e do territorio.
As problemáticas ambientais afectan especialmente as e os habitantes das comunidades e, aínda que existen mecanismos para denunciar, estes non son o suficientemente coñecidos para facelo sen medo ou para impulsar accións de contraloría social e cidadá. Por outra banda, o desinterese e a falta de educación ambiental da poboación xeran un certo acomodo das institucións e das diferentes estruturas comunitarias para a defensa, promoción, protección e restauración dos Dereitos e da Xustiza Ambiental.
ESCOLA DE LIDERESAS
IGUALDADE
22 mulleres de Tenancingo recibiriron oito módulos formativos sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, para acadar o mesmo nivel formativo neste aspecto que as compañeiras de outras comunidades.
MEDIO AMBIENTE
75 mulleres de Suchitoto e Candelaria únense ás 22 de Tenancingo e reciben 12h de formación sobre liderado feminino e defensa ambiental, nas que se promove, ademais dos coñecementos, a organización de grupo e as estratexias de sensibilización e denuncia social. Ao finalizar esta etapa, organizan accións de incidencia nas súas comunidades.
COMUNICACIÓN
25 das mulleres participantes nos primeiros módulos formativos, recibiron un complemento de 4 módulos sobre estratexias de incidencia política a través da comunicación para poder utilizar a nivel municipal e nas súas comunidades.
FORTALECEMENTO DE MEDIOS COMUNITARIOS
Mapeáronse os medios comunitarios e creáronse acordos específicos para a emisión de contidos sobre medio ambiente e dereito á auga, co obxectivo de establecer sinerxías entre as comunicadoras formadas no proxecto e estes medios. Froito deste mapeo reforzáronse os equipos do xornal comunitario a Gaceta de Suchitoto e as asociacións de desenvolvemento comunal das comunidades de Copapayo e El Papaturro e emitíronse as seguintes cuñas publicitarias.
Cuña 1
Cuña 2
Cuña 3
Cuña 4
LIDERESAS
Aleyda Nohemy García Benítez
Comité de Mujeres de Tenancingo
A importancia de que as mulleres sexan lideresas nas comunidades na xestión comunitaria da auga? É importante porque imos buscando o obxectivo de traballar sobre as desigualdades de xénero que ocorren na xestión comunitaria da auga na nosa sociedade e empoderarnos en ser parte nos sistemas de auga potable e saneamento.
Zulma Recinos
ADESCO Zacamil 1
É importante como mulleres que sexamos lideresas en algo tan vital como o é a auga, pois case sempre só se nos atribúen outros cargos menores cando xa sabemos que as mulleres somos capaces de poder xestionar, liderar e traballar polo ben da comunidade!
Glendys Cartagena
Lideresa comunitaria en Copapayo
Os procesos de formación permítennos ás mulleres adquirir máis coñecementos en canto a diferentes temáticas, permite máis empoderamento ás mulleres, máis involucramiento nos espazos, os espazos comunitarios gañámolos como mulleres, pero pola loita constante, a motivación a que as mulleres sexan parte dos comités. Na xestión da auga, cremos moi importante brindar as oportunidades que xeran outras condicións ás mulleres, porque damos a coñecer as necesidades e que nos escoiten para buscar unha solución.
Deysi Carolina Raymundo Sanabria
Lideresa comunitaria de Candelaria
Porque somos as que máis sufrimos cuando o vital líquido escasea e as que máis utilizamos a auga nos oficios domésticos, preocúpame que as mulleres se dean conta de que temos que loitar polo noso beneficio.
Enoe Reyes
Lideresa comunitaria El Papaturro
As mulleres fomos vistas historicamente como coidadoras e atentas nas tarefas domésticas, pero somos máis que iso. Somos capaces de realizar todo tipo de traballo. O que non hai son oportunidades para nós. Somos loitadoras no recoñecemento dos nosos dereitos e debemos ser parte dos procesos comunitarios.
Belquis Martínez
Colectiva Feminista
SENSIBILIZACIÓN EN GALICIA
A activista salvadoreña Laura Herrera, responsable do Programa Feminismo e Xustiza Ambiental da Colectiva Feminista, realiza en xuño de 2022, unha vez concluído o proxecto no seu país, unha xira por varias localidades galegas para denunciar as consecuencias que ten para un El Salvador a mala xestión dos recursos naturais e para explicar en que consiste o movemento salvadoreño para a xestión popular da auga, así como as sinerxías que se xeraron para tecer este movemento a nivel municipal e social.
Presenta os resultados da Escola de lideresas pola defensa ambiental e contextualiza a situación ambiental que están a vivir moitos dos países latinoamericanos e como as nosas pautas de consumo xeran impactos negativos en países como El Salvador. E explica os mecanismos de participación cidadá que promoveu a Colectiva Feminista para visibilizar esta situación, como a Consulta Popular polo Dereito Humano á Auga, que pretende regular as actividades que afectan a xestión integral da auga, garantindo a súa sustentabilidade e que a poboación sexa prioridade na súa distribución.