Si ka badu, ka ta biradu

Si ka badu, ka ta biradu

Si ka badu, ka ta biradu é un verso do poeta caboverdiano Eugénio Tavares que responde á complexa relación do seu país coa emigración. Se non marchas, non podes volver é un documental social que se estrea en A Coruña (Galicia) o mes de decembro de 2022. O seu obxectivo é visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres migrantes na supervivencia e no benestar a ambos os dous lados da corrente migratoria.

Centrámonos en varios casos, representativos das catro xeracións de mulleres caboverdianas migrantes, tanto en Burela como na illa de orixe, Santiago (Cabo Verde), a partir do traballo realizando dentro do proxecto académico Familias caboverdianas en Galicia. Impacto para o desenvolvemento da transnacionalización dos coidados e das remesas polas investigadoras Antía Pérez Caramés, Luzia Oca González, Belén Fernández Suárez, Keina Espiñeira González e Iria Vázquez Silva entre setembro de 2021 e maio de 2023.

Se queredes axudarnos a difundir valores relacionados coa igualdade de xénero, coa relevancia dos coidados para o benestar social e co contributo das mulleres migrantes ao desenvolvemento dos seus países de orixe e destino e organizar unha proxección pública na vosa localidade, non tedes máis que contactar con nós e explicarnos cando, onde e como queredes facelo. Proxectar este documental non ten ningún custe económico, pero se tedes algo de orzamento, animámosvos a convidar a algunha das protagonistas ou a algunha das persoas do equipo técnico para que vos acompañen ese día.

SI KA BADU, KA TA BIRADU
Se non te vas, non podes volver

Ano: 2022 | Documental social | Duración: 54′ | Idiomas: Caboverdiano, Galego, Español | Formato: HD 1920×1080 Stereo

Sinopse: Si ka badu ka ta biradu retrata o papel das mulleres migrantes na supervivencia e no benestar das súas familias, na localidade galega de Burela e na illa caboverdiana de Santiago, a ambos os dous lados da corrente migratoria. Catro xeracións de mulleres contan as súas historias de vida neste documental social que parte dunha investigación académica e, ao facelo, trazan un fiel retrato da división sexual e da organización transnacional dos coidados. Vémolas cociñar, limpar, atender maiores e crianzas tanto nas súas localidades de orixe como na sociedade de destino, a galega, e comprendemos o impacto que ten nas súas vidas ese desigual reparto do peso dos coidados. Son elas tamén as que organizan o tráfico dos afectos, as chamadas, as remesas e as encomendas. As que aforran para un futuro de ensoño no que poder descansar despois de tantos traballos. En Burela ou en Caboverde. Porque foron, poden volver.

Este documental contou co financiamento da Xunta de Galicia, a través da convocatoria de Investigación para o desenvolvemento 2021.

Orzamento: 12.480

Descargas para prensa

FOTOGRAMAS

TRAILER E COLAS DE VÍDEO

CLIPS DE AUDIO

FICHA TÉCNICA

Share This