Ao longo das dúas últimas semanas, un equipo de Agareso desprazouse a El Salvador, para estreitar os lazos que unen a nosa organización co movemento feminista do país centroamericano. Tivemos o privilexio de participar no Encontro Feminista de Latinoamérica e Caribe (EFLAC), que na súa 15ª edición incorporou por primeira vez na súa historia unha liña de traballo específica sobre Arte e Cultura Feminista. Acompañamos o debate das compañeiras latinoamericanas nesta asamblea temática e, dentro dela, tivemos a oportunidade de integrarnos no grupo de traballo que definiu, de xeito participativo, o xornalismo e a comunicación feminista como “unha práctica crítica, sensible, que dignifica e pon no centro as voces e as realidades de mulleres, nenas e disidencias”.
Concordamos, coas compañeiras do Sur, en que o xornalismo feminista “articula distintas loitas desde narrativas emancipatorias, comunitarias e interseccionales; visibiliza, constrúe e posibilita imaxinar colectivamente outros mundos; contrarresta e transforma as narrativas opresoras e de odio; investiga, recupera e reconstrúe a memoria das devanceiras e diversas miradas dignas”. “O xornalismo e a comunicación feminista”, concluiu o grupo de traballo, “organízanos”.
Neste sentido, a asamblea recordou ao conxunto do movemento que “é urxente situar a comunicación na axenda feminista” e propuxo articular as redes de comunicadoras feministas pre-existentes ou que poidan xurdir en cada país ou rexión nunha proposta de accións ou eixos éticos estables e compartidos, relacionados coa creación e difusión de coñecemento que poida matizar a epistemoloxía heteropatriarcal imperante, coas accións que se teñen demostrado útiles, cos contidos e contranarrativas creadas, coa sustentabilidade económica, emocional e colectiva e coa seguridade persoal das xornalistas, sendo este último o aspecto máis acuciante para todas elas.
Escoitar e compartir coas xornalistas e comunicadoras feministas latinoamericanas reafírmanos na necesidade de contar con medios de comunicación e con profesionais do xornalismo comprometidas e con capacidade para producir cambios sociais que axuden a construír un futuro mellor. Para isto, é imprescindible, que poidan desenvolver o seu traballo de xeito digno e seguro. Un traballo sustentable economicamente e libre de expresión e violencia, que sexa masivo e poida chegar a toda a sociedade e que transforme as desigualdades, dun xeito colectivo e en co-correspondencia, colaborativo e rexional.
Rede de xornalistas feministas Centroamericanas
Neste contexto, producíronse tamén unha serie de encontros autoxestionados para darlle forma a unha Rede de xornalistas feministas centroamericanas. Estes encontros estiveron “acuerpados” polas xornalistas feministas do resto de Latinoamérica, que xa teñen varias redes en funcionamento. As profesionais de Centroamérica consideran prioritario, en todo caso, articular inicialmente as súas propias relacións dentro da rexión. Relacións que, de facto, xa están en marcha.
Na fotografía podedes ver a Mónica Campos (Alharaca); Ximena Castilblanco (Volcánicas); Fatima Villalta (Hora Cero); Indira Gonzalez (Miradas Moradas); e Eu (La Brújula). Recomendámosvos moito seguir o seu traballo, que vos axudará a coñecer mellor os seus países e comprender as súas sociedades.
Nós agardamos que nos permitan seguir acompañándoas no seu camiño.