Dez xornadas de debates, charlas e aprendizaxes sobre as posibilidades da comunicación como ferramenta para o cambio social

Unha formación para quen desexe mellorar as súas prácticas comunicativas aplicadas ao sector social, xornalístico ou da produción audiovisual

Durante as dez sesións que abarca o Seminario, trataranse temáticas transversais como o enfoque de xénero, o discurso do odio, o xornalismo e os dereitos humanos, a cooperación internacional, experiencias de ONG’s en terreo, teatro da oprimida, o terceiro sector en Galicia, audiovisual comprometido, a fotografía social e a radio comunitaria, alternando sesións teóricas e prácticas. Ademais, dúas das persoas participantes no Seminario poderán realizar unhas prácticas en terreo durante unha semana para completar a súa formación. No vídeo que acompaña este texto podedes ver un resumo da viaxe a Marrocos co alumnado da novena edición.

Aínda que o fío condutor é a comunicación, non é necesario ter formación específica neste ámbito, xa que se terán en conta os distintos perfís profesionais das persoas asistentes para conformar os grupos de traballo. Para máis información e inscricións, podes contactarnos en escolasenracismo@agareso.org ou no 626 41 95 02 (Antonio Grunfeld)

A inscrición está aberta até o 3 de marzo de 2020

 

Resumo da información máis relevante

– Curso de 40 horas presenciais (10 sesións de 4h).
Do 4 de marzo ao 13 de maio.
– Todos os mércores de 16h a 20h, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
– A cota de inscrición é de 100 €.
– O curso está destinado preferentemente a activistas, persoal técnico e voluntariado de organizacións sociais, estudantes e profesionais da comunicación, profesorado, profesionais e estudantes dos medios de comunicación.
– O alumnado que entregue un traballo individual e outro grupal, optará a unhas prácticas de 10 días en Marrocos con todos os gastos cubertos.

Resumo das sesións

Xornada 1| Introdución e Radio Comunitaria
Introdución do seminario e primeira sesión sobre radio comunitaria con Juan de Sola (xornalista en Onda Cero), quen conectará a través de Skype con varias radios comunitarias de Latinoamérica.

 

Xornada 2 | Audiovisual Comprometido
A cargo de Xullo César Gonzales, investigador e realizador audiovisual en colectivo Maizal con proxectos en Perú, Ecuador e México.

 

Xornada 3 | A Cooperación ao Desenvolvemento
Esta sesión divídese nunha charla a cargo de Alejandro Quiñoá (delegado de ACPP en Galicia e presidente da Coordinadora Galega de ONG’s)e unha dinámica de grupo a través do xogo “En busca do desenvolvemento”.

 

Xornada 4 | Xornalismo e Dereitos Humanos
A cargo de Gabriela Sánchez Iglesias, responsable da sección de Dereitos Humanos no eldiario.es: DESALAMBRE.

 

Xornada 5 | Combater o Discurso do odio
A ONG Ecos do Sur tráenos unha sesión moi interáctiva e dinámica para combater o discurso do odio nos medios de comunicación.

 

Xornada 6 | Teatro da Oprimida
Sesión de dinámica de grupo levada a cabo pola compañía de teatro 100 tolas.

 

Xornada 7 | Experiencias de cooperación en terreo
Xornada dividida entre unha mesa redonda con distintxs profesionais do sector da cooperación con experiencia en terreo e unha visita dunha organización activista de América Latina.

 

Xornada 8 | Comunicación e infancia
Visitaremos un piso tutelado a cargo da ONG Igaxes, para despois profundar na comunicación sobre infancia e mocidade.

 

Xornada 9 | Fotografía Social
Dúas xeracións de fotógrafos falarannos da súa experiencia á hora de abordar proxectos sociais. Por unha banda, Pepe Lamarca, fotoperiodista latinoamericano moi recoñecido pola súa traxectoria no mundo do flamenco e Mingo Venero, fotógrafo documental especializado en Dereitos Humanos.

 

Xornada 10 | Feminismo
Charla a cargo de Llerena Perozo, editora e comunicadora especializada en xénero.

O Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional é unha actividade do proxecto Escolas Sen Racismo financiado pola Xunta de Galicia e Cooperación Galega.