O Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social “Comunicar para o Cambio” volve un ano máis o próximo 11 de febreiro de 2025 á Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, en Pontevedra. Dende hoxe e ata o 31 de decembro, as persoas interesadas xa poden reservar a súa praza no curso preinscribíndose e optando así a un desconto na matrícula do 20%. Nas próximas semanas comunicaranse os coloquios confirmados para esta XV edición.
Comunicar para o Cambio é unha proposta formativa cunha traxectoria de 15 anos de experiencia. Procura achegar a comunicación para o cambio social a todas as persoas que teñan interese nesta rama.
Conta con 12 sesións teórico-prácticas lideradas por profesionais do sector que traballan temáticas como: o discurso do odio por razón de raza, xénero e/ou orientación sexual, o tratamento das migracións en medios e redes e a divulgación e activismo ambiental; e cun módulo práctico posterior en terreo ao que poden acceder as dúas persoas que mellores traballos presenten durante o ciclo.
Esta proposta formativa responde á necesidade de construír unha formación no eido da comunicación para a transformación social que procure a xeración de novas narrativas contra o odio e a desinformación e pola defensa dos DDHH. Incluír estes enfoques nos currículos formativos non supón dar resposta a necesidades concretas dun grupo de persoas interesadas, senón que o seu coñecemento debe ser imprescindible á hora de traballar calquera tipo de información.