Un equipo de AGARESO leva xa unha semana en República Dominicana desenvolvendo xunto ás compañeiras do Centro de Investigación para a Acción Feminina (CIPAF) diversas actividades englobadas no proxecto “ Fortalecidas as capacidades e ferramentas das mulleres dominicanas organizadas para incidir social e politicamente para previr a violencia sexual. Fase II” impulsado grazas ao apoio de Cooperación Galega.
A visita comezou cun encontro do equipo completo do proxecto para unha posta ao día e a organización de toda a estancia. Tamén puidemos actualizar os avances noutra xuntanza co Grupo Arista, responsable do estudo que se está realizando sobre casos de agresións sexuais no país, sobre a investigación que se presentará o vindeiro venres 28 ás 18h na Universidade Autónoma de Santo Domingo (UASD).
Doutra banda, puidemos avanzar no eixo mediático do proxecto. Tecemos alianzas cos e as profesionais de comunicación a través dunha reunión con Aurelio Henríquez, presidente do Colexio Dominicano de Xornalistas, e comezamos o traballo sobre comunicación con perspectiva de xénero nunha formación a profesionais do Diario Libre que poderemos replicar na redacción de Acento esta semana.
Seguimos como sempre traballando a educomunicación cos Clubs de mozas STEM. Neste caso, impartimos unha formación ás adolescentes do Centro Educativo Divina Providencia sobre a ferramenta de vídeo para exercer activismo feminista.