A Casa das Campás acolle a preestrea de “Kalabukú. La semilla del cambio”, unha curta documental realizada polas alumnas do XII Seminario de Comunicación Social
28 de novembro, Pontevedra. A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) presentou esta tarde na Casa das Campás a curtametraxe documental “Kalabukú. La semilla del cambio”.Esta proxección foi posible grazas á colaboración da Universidade de Vigo.
A peza documental é froito do XII Seminario de Comunicación Social organizado por AGARESO e Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) no 2022. Esta formación, con 13 anos xa de percorrido, é un curso proposto tódolos anos para ampliar a especialización en comunicación para o cambio social no ámbito universitario galego. Unha vez finalizada a formación de 40h de coloquios impartidos por persoas expertas do sector, tres alumnas son escollidas por ter feito os mellores traballos para facer unhas prácticas en terreo durante 10 días.
En setembro de 2022, Andrea Bouzo, Antía Rodeiro e Mar Sala viaxaron a Casamance (Senegal) para afondar en tódolos coñecementos adquiridos durante o seminario. Durante esta experiencia, na que estiveron acompañadas por Antonio Grunfeld, técnico de AGARESO, e Paula Barriga, voluntaria da entidade, produciron “Kalabukú. La semilla del cambio”.
@agareso_ong ?Mañá preestreamos "Kalabukú. La semilla del cambio" na Casa das Campás (Pontevedra) ás 19h? ?Sabemos que non podedes agardar máis para velo... por iso, hoxe deixamos por aquí un pequeno adianto...?
♬ sonido original - agareso




A curtametraxe narra a historia de catro mulleres que se reúnen cada domingo co seu grupo para autoxestionar un sistema de microcréditos e a colleita do arroz, un alimento que é símbolo de unidade e prosperidade na zona. O individualismo non ten cabida nesta sociedade da Baixa Casamance, para sobrevivir precisan as unhas das outras. Xuntas procuran un equilibrio entre a vida tradicional e a independencia económica. Kalabukú (‘as mulleres’ en diola) sembran a semente dun cambio que xa se está xestando.