Un cento de rapaces e rapazas de toda Galicia participan este xoves día 5, no Auditorio de Bandeira (Silleda), nun hackathon para combater o discurso de odio nos medios e nas redes sociais. A encontro intercentros, que se estenderá das 10h30 ás 16h30, pertence ao proxecto de innovación educativa EpDLab, que desenvolve dende hai 7 anos a ONGD Agareso co financiamento de Cooperación Galega e no que este curso participa alumnado de Secundaria de Boiro, de Brión, de Bueu, de Silleda e de Viana do Bolo.

Un hackathon é un evento no que nun breve espazo de tempo un grupo de persoas de forma colaborativa intentan crear prototipos ou solucións para unha problemática. O termo provén da mestura das palabras “hacker” e “maratón” e, normalmente, vinculase ao ámbito da informática, aínda que dende hai un tempo o uso da palabra expandiuse a outros eidos.

Despois de dous anos, esta actividade será de novo presencial e reunirá o profesorado e o alumnado participante nunha xornada que se celebrou en liña nos cursos anteriores, por mor das restricións sanitarias pola COVID-19. Así, un cento de rapaces de distintas idades e procedencias traballarán, de forma colectiva, o xoves 5 dende as 10h30 ata as 16h30 no deseño e elaboración dunha “caixa de ferramentas” de comunicación dixital para denunciar situacións discriminatorias e propor accións concretas para conseguir un entorno dixital máis diverso, igualitario e inclusivo, coa intención de demostrar que, traballando xuntas e xuntos, podemos facer cousas para cambiar a nosa realidade máis próxima e que a comunicación ten un gran potencial transformador.

Trátase dunha xornada intensiva de traballo creativo conxunto na que participa todo o alumnado vinculado este curso ao EpdLab, un proxecto de innovación educativa que ven desenvolvendo a Asociación Galega de Comunicación Social (Agareso) dende 2015 en centros de toda Galicia e que traballa temáticas como o sexismo, as migracións, o medio ambiente, o consumo responsable, a veracidade das mensaxes e as fake news, a cooperación internacional, o voluntariado e o activismo a través de ferramentas da comunicación dixital como os memes, os gifs, o stop motion, os microvídeos dende o móbil ou a contrapublicidade.

EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros grupos en El Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen nas súas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade. O EpDLab está deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso e financiado por Cooperación Galega. Podedes coñecer máis sobre o proxecto nos artigos:

“Educación online e inclusión social: aprendizajes y estrategias para garantizar la
igualdad de oportunidades” (pax 448)
do Congreso mundial de educación | EDUCA 2022

“Educación, inclusión social y digitalización del aprendizaje: EpDLab como estudio de caso durante la crisis del COVID-19” do Congreso internacional de aprendizaje, innovación y cooperación (CINAIC 21)

“Narrativas digitales para potenciar la creatividad, la participación y el pensamiento crítico en la enseñanza” do Congreso internacional de aprendizaje, innovación y cooperación (CINAIC 2019)