Un cento de persoas arroupou onte en Vigo a estrea do videopodcast Somos Acubillo, que explica como a desigualdade social impacta na vida das persoas, tanto galegas como migrantes, a través das dificultades de acceso á vivenda, a falta de oportunidades laborais e a falta de empatía nos procesos burocráticos e que está dispoñible xa na rede, para todas as persoas que desexen velo.
As e os creadores e protagonistas de Somos Acubillo foron tamén os encargados de presentalo, nun evento moi emotivo. Yasseyda falou de como o grupo, no que se mesturan vigueses e emigrantes que non se coñecían ao comezo do proceso, se foi convertendo en “un espazo seguro”, onde “dar renda solta á nosa creatividade e ás nosas emocións”. Euro lembrou as primeiras sesións formativas, cando “a maioría de nós nunca usaramos unha cámara”. E explicou como a aprendizaxe técnica se foi mesturando, ao longo dos meses, co coñecemento grupal e coa toma de decisións. Rosbelys debullou o proceso que levou á elección do tema que querían tratar e da forma que desexaban darlle, a dun videopodcast. “Antes de Acubillo”, recoñeceu, “algunhas persoas crían que só elas sufrían o peso das etiquetas. Por estranxeiro, por cor, por identidade ou orientación sexual. Sen ser conscientes de que hai aspectos que nos afectan a todos e a todas”. Compartindo algunhas das situacións que viviran cada un dos e as protagonistas, chegaron á conclusión de que había un eixo transversal en todas elas: a desigualdade social. E, dentro dela, todos viviran experiencias relacionadas coa dificultade para atopar un fogar, a escaseza de oportunidades laborais, o obstáculo que supón a burocracia e o impacto de todo isto na saúde mental.
Sobre a vivenda falou Mahyreth, que lembrou o impacto que teñen o aumento dos pisos turísticos e dos prezos do aluguer no acceso a este dereito, recoñecido como tal pola Constitución Española. “Algunhas familias vense abocadas á rúa ou a habitar infravivendas e outras a compartir casa con outras familias”, lamentou Marhyeth, “con todo o que a convivencia leva”. “A vivenda é o refuxio da nosa familia, o espazo seguro no que descansamos e convivimos”, abundou. “Sen vivenda, non hai felicidade, non hai paz” e “non hai traballo que nos permita saír desta situación”.
Belén foi a encargada de expor a problemática da falta de oportunidades laborais. Falta de papeis, de experiencia documentada ou da idade axeitada “Sempre falta algo”, resumiu con sorna esta veciña de Vigo. “Cando queres traballar e ser produtivo e ninguén che dá unha primeira oportunidade, é coma se pechásense todas as portas”, lamentou. “Necesitas que alguén che dea a oportunidade de entrar, que alguén abra a primeira porta”, insistiu, “e esa primeira porta pode ser unha entrevista de traballo ou unha cita burocrática”.
De burocracia falou Rosa Esther, que reclamou que se simplifiquen os procedementos, se melloren os servizos telemáticos e se implemente “un enfoque máis humano e accesible” na administración. “Só a través dunha xestión pública eficiente e inclusiva poderase garantir o dereito de todas as persoas a relacionarse coa administración en condicións de igualdade, dignidade e respecto”, concluíu.A desigualdade social que denuncia Somos Acubillo impacta gravemente na saúde mental das persoas que as sofren. “E as pastillas non solucionan a falta de autoestima, o medo, a falta de paz”, asegura Mahyreth. O grupo reclama outros achegamentos, “que nos axuden a redescubrirnos en nós e nos outros”. Como este proxecto, deseñado por Agareso, en colaboración con Provivienda, que conta coa colaboración de Fundación “a Caixa” a través da convocatoria de proxectos sociais Galicia 2024. O resultado está dispoñible, na web, en Youtube y en las redes sociales de Agareso.





