As alumnas Micaela Pavone, Andrea Oyagüe, Sara Gestal e Alejandra Ceballos remataron a gravación dun documental social en Gran Canaria, que entra agora en fase de edición.
Un equipo de voluntarias de Agareso e alumnas da formación Comunicar para o Cambio veñen de producir un audiovisual sobre as problemáticas asociadas á turistificación masiva das Illas Canarias. En 2024, o arquipélago recibiu máis de 15 millóns de turistas internacionais, oito veces máis que Galicia, pese a ter unha superficie catro veces menor.
Para levar a cabo o proxecto, o grupo visitou diferentes espazos urbanos xentrificados de Gran Canaria, como o barrio de Guanarteme, en Las Palmas; pequenas vilas, como La Aldea de San Nicolás; e coñeceu o proxecto para a construción dunha balsa reversible en Chira-Soria, entre outras problemáticas.
As comunicadoras escoitaron as reivindicacións dos movementos sociais de Gran Canaria, que esixen un modelo sostible que non afecte a súa calidade de vida e que non priorice o lucro do sector turístico e inmobiliario ao bienestar da cidadanía, dos barrios e dos ecosistemas. Diferentes colectivos, como Derecho al Techo, Tamaranae, Canarias Tiene un Límite ou o colectivo das ‘kellys’ de Gran Canaria, entre outros, achegaron ao equipo de Agareso información sobre algúns destes temas.
O equipo de traballo, integrado por Alejandra Ceballos, Sara Gestal, Andrea Oyagüe, Micaela Pavone e Pablo Santiago, coincide en que a viaxe é unha experiencia de moita aprendizaxe. Non só permitiu comprender o desenvolvemento dun proxecto audiovisual con enfoque social, senón que tamén conseguiu abrir espazos de diálogo e interacción con diferentes sectores da comunidade. Deste xeito, as comunicadoras consideran que lograron achegarse á realidade social desde unha perspectiva máis profunda e máis humanizadora. Pablo Santiago, técnico de Agareso, engade que nesta práctica “puidemos contar historias humanas para explicar temas complexos, algo do que falamos moito nos módulos teóricos. A idea agora é poder aplicar isto noutros temas aquí en Galicia”.
Esta viaxe é parte do XV Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social Comunicar para o Cambio, organizado por Agareso coa colaboración da Facultade de Comunicación de la Universidade de Vigo e o apoio de Cooperación Galega e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.