O proxecto desenvolto por Agareso e Provivienda Vigo busca facer fronte á desigualdade, á precariedade, ás trabas burocráticas e aos problemas de saúde mental a través das vivenzas e experiencias das 24 persoas protagonistas.
por María Vila Camino
María, Euro e Belén conversando sobre Somos Acubillo
Somos Acubillo é un programa de acción social impulsado por Agareso e Provivienda Vigo co apoio de Fundación La Caixa que, desde outubro de 2024, busca fortalecer a autoestima e confianza de persoas en risco de exclusión social. O programa buscou xerar un grupo unido que traballase xunto, co obxectivo de mellorar as súas habilidades comunicativas, utilizándoas para visibilizar demandas con respecto á desigualdade social.
Segundo o último informe anual emitido pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (2025), unha de cada catro persoas que viven en Galicia atópanse en risco de pobreza e exclusión social. Arredor de 690.000 galegos e galegas, especialmente mulleres e menores, sofren as consecuencias desta situación. Presentan, por exemplo, dificultades para chegar a fin de mes, atopar un posto de traballo cunhas condicións dignas ou realizar trámites diarios e que tan normalizados temos.
Somos Acubillo quere concienciar dunha realidade que existe, mais sobre a que nunca se pon o foco, e facelo ademais da man das súas protagonistas. Esta iniciativa busca fortalecer a autoestima destas persoas e crear unha rede de apoio forte coa que promover un diálogo interno de aprendizaxe e reflexión conxunta. As súas protagonistas, usuarias da ONGD Provivienda Vigo, decidiron falar sobre a desigualdade social e como esta provoca dificultades no día a día e afecta directamente á súa saúde mental. Para trasladar esta mensaxe á cidadanía crearon un videopodcast, resultado de cinco meses de intenso traballo recompilando fontes, realizando entrevistas, vídeos, analizando estatísticas e un amplo labor de colaboración entre todo o grupo.
“Me pareció atractivo todo lo que aprendimos de comunicación en Somos Acubillo. Me permitió reforzar algunos conocimientos y técnicas que ya tenía”, relata Euro Toribio, integrante de Somos Acubillo. “Poco a poco fuimos manifestando las vivencias de cada uno, que aunque éramos de distintas nacionalidades y orígenes, coincidíamos en particularidades que nos afectaban. Eso fue esencial para ir formando el proyecto”, sinala.
Euro emigrou do seu país natal, Venezuela, por mor dos fortes problemas sociais, económicos e políticos que está a vivir a súa terra. “Cuando llegué aquí solicité el asilo internacional, un proceso lleno de pasos burocráticos los cuales si no sigues no obtienes tus documentos”, conta Toribio, quen presentou a súa solicitude en abril de 2024 mais non terá a súa primeira cita para seguir co proceso ata 2027. Segundo o novo reglamento de migración, este é un tempo morto que non computa aínda que a resolución sexa finalmente favorable. “Me encontré con la situación de no poder alquilar un piso, aunque tuviera el dinero para ello”, sinala, “Provivienda me dio el apoyo y la parte básica de manutención, pero es una medida temporal, solo aplicable durante 18 meses, y yo no tengo mi cita hasta dentro de dos años”.
Ana Pardo, directora territorial de Provivienda en Galicia e presidenta da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN), sinala, nunha conversa gravada no marco do proxecto, que a burocracia é un constante papelame que debería ser áxil, mais que se volve longo a medida que a persoa presenta un maior número de dificultades. “Queremos que quen está nunha situación de desigualdade saia o antes posible destes trámites, xa que se alongamos o proceso este vólvese cada vez máis tedioso”, insiste. Pardo sinala tamén ata que punto pode afectar a burocracia no estado anímico, chegando a que os malos tratos e a falta de empatía provoque tristeza, ansiedade, enfado ou frustración e repercutindo directamente na túa situación de exclusión.
A Belén Castro, pola súa parte, Somos Acubillo permitiulle aprender o funcionamento do mundo audiviosual, desde o vídeo ata a radio. “Sin duda en lo que más me ha ayudado es a hablar. Soy una persoa a la que le cuesta abrirse, sobre todo si hay mucha gente, pero este proyecto ha sido clave para mejorar mi expresión”, relata Belén, quen tivo unha Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ata que a segunda dos seus tres fillos comezou a traballar, momento no que perdeu o dereito á axuda. “Pasé a depender economicamente de mis hijas y dejar de vivir con mi hijo pequeño dadas las circunstancias”, sinala Castro.
Actualmente Belén está en situación de desemprego de longa duración, recibindo por resposta cando chama á porta dun emprego que precisa de máis experiencia para ser contratada. “Si nunca te dan esa oportunidad con la que coger experiencia no vas a poder trabajar en ningún lado y entras en un ciclo del que a lo mejor no sales y llegas a cierta edad sin haber cotizado practicamente nada”, afirma Belén e coincide con Euro ao sinalar que un sustento laboral non é a solución final aos problemas de exclusión que padecen, mais si é un paso adiante que lles permite non só cotizar e manterse economicamente, senón tamén sentirse realizados e produtivos para o conxunto social.
Pola súa parte, Montse Roca, representante de Emaús, segue a liña explicada por Belén e Euro, ao afirmar que contar cun posto laboral non é sinónimo de non estar en situación de exclusión e desigualdade. “Hai traballos que están moi precarizados, son inestables ou ben temporais, factores aos que hai que engadirlle o encarecemento de medidas básicas, como a cesta compra ou o aluguer, facendo que se precise de soldos máis altos”, sinala Roca.
Tanto a Euro como a Belén, Somos Acubillo permitiulles descubrir que non estaban soas e que había máis persoas coma elas cargando coas mesmas dificultades. “A veces pensamos que el problema es solo nuestro, pero cuando vas compartiendo lo que te pasa y abriéndote te sientes liberado y además el resto de gente te puede dar apoyo y soluciones”, sinala Euro. A Belén axudoulle a ver que non estaba soa e que os seus medos, inquedanzas e problemas son moi semellantes, sen importar a procedencia ou as diferentes circunstancias.
Para elas, é importante a existencia de espazos onde atopar apoio durante os procesos burocráticos e dificultades económicas que afrontan e onde manifestar todo o que lles acontece, tomar rumbo cara posibles solucións ou simplemente atopar unha tranquilidade mental que os aparte por un momento da realidade diaria. Somos Acubillo fixo honra ao substantivo que o bautizou e que a Real Academia Galega define como “acción e efecto de dar amparo, axuda ou auxilio a alguén”. O espazo que as participantes do proxecto construíron e incluso elas mesmas foron ‘acubillo’.
Unha peza de María Vila Camino, integrante do grupo motor de alumnado universitario xerado no marco do proxecto Muda o conto: Mocidade contra o discurso do odio nas redes sociais