O pasado mércores 15 de  marzo, as alumnas do Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional reuníronse de maneira virtual para asistir a terceira sesión do seminario: “Experiencia en terreo”. Sesión que foi conducida desde Senegal da man de Laura Feal, xornalista e consultora de ONG`s e Mamadou Dia, escritor e artivista, ambos representantes da ONG Hahatay.

A encargada de dar comezo a sesión foi Laura, licenciada en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, que guiou as alumnas por un breve pero intenso percorrido pola súa ampla experiencia profesional en terreo. Dende os seus primeiros pasos como xornalista local e de axencia, ata os seus inicios na cooperación internacional para o desenvolvemento en 2006.

Laura traballou en terreo en varios países de África como Argelia, Malí, Namibia, Mozambique, Mauritania o Senegal con diferentes ONGDs (Cideal, Habitafrica, Alianza por la Solidaridad) e axencias de cooperación en temas de xénero, migracións e seguridade alimentaria. Actualmente vive en Saint Louis (Senegal) onde coordina as actividades da asociación local Hahatay, sonrisas de Gandiol.

Como peche da súa intervención, falou dos diferentes proxectos que se están levando a cabo dende a asociación, e do traballo que realizan como fixers para distintos medios internacionais como Planeta Futuro –El País-, Wiriko o Luzes. Como ela xa dixo en máis dunha ocasión

“Considérome unha eterna estudante e amante do pulso da vida africana e das  súas xentes”.

A segunda parte da sesión foi conducida por Mamadou Dia, emprendedor social, autor, líder comunitario, orador motivacional internacional e consultor.

Quen en 2006 logo de que a embaixada de Francia en Senegal lle negase en dúas ocasións o visado para poder rematar alí os seus estudos, decide coller un caiuco e cruzar o Atlántico. Viviu oito anos sen papeis en España, “un inmigrante sen dereitos” como ben apuntou.

Colaborou como coordinador de proxectos xuvenís na consellería de xuvendude do concello de Murcia, traballou como técnico de intervención social na Cruz vermella de Cartaxena, colaborou con varias organizacións xuvenís, asociacións de migrantes e publicou o seu primeiro libro en 2012(“3052, persiguiendo un sueño”). Este libro cambiou a súa vida, con máis de catrocentas conferencias por infinidade de recunchos do mundo, iniciou así a súa carreira como activista e defensor dos dereitos dos migrantes.

”Somos de moitas partes e non somos de ningures”

En 2013 retorna a Gandiol e decide emprender un novo rumbo fundando a ONG Hahatay, un proxecto que describe como “proxecto de investigación e experimentación”. Cambiando a idea orixinal que desde Europa se exporta como “desenvolvemento”, desde Hahatay apostan pola “Auto-realización comunitaria”. Ofrecéndolle aos cidadáns e en especial aos máis novos, a oportunidade de acceder as ferramentas necesarias para poder crecer e mellorar como comunidade.

“Todo o que te rodea é unha oportunidade, un ecosistema que ten mil posibilidades para poder debuxar novos horizontes e transformar realidades”

Dende o minuto 1  infirió en facer autocrítica como entidade, falou de como facer atractivo o social, da importancia de profesionalizar o sector para que detrás de cada proxecto se atopen profesionais formados e cos valores e coa ética necesaria. Falou tamén da necesidade do voluntariado comprometido e non voluntarista e da importancia do cambio narrativo.

En resumo, Mamadou doulles as alumnas un bo chute de motivación para seguir remando a contracorrente e deixou moitas preguntas abertas que invitan a reflexión.

“Esta vida está chea de oportunidades para poder mudar as cousas””