O pasado mércores 8 marzo, as alumnas do Seminario de Comunicación Social e Cooperación internacional reuníronse de novo para segunda sesión na facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela e a través do streaming, para asistir ao relatorio de Antonio Grunfeld e Olmo Couto.

Antonio Grunfeld dou comezo a esta sesión de “Audiovisual Comprometido” , falando en primeiro lugar dos proxectos que se están levando a cabo dende AGARESO. Cada un destes proxectos se desenvolve tanto coa participación do equipo técnico como das voluntarias e isto serviu para poñer en contexto as alumnas de cal é a situación actual de cada proxecto e cales son as principais liñas de colaboración para os mesmos.

A sesión continuou cos relatos da propia experiencia profesional en terreo de Antonio, que lles amosou as alumnas como desde calquera ángulo se pode estar comprometido co cine social e aportar o teu gran de area. Tanto si é dende o mundo da publicidade, da ficción ou do documental, cando un se compromete sempre é posible encontrar a forma de poder aportar a escena social.

A charla continuou cunha presentación máis técnica de como abordar a creación dun proxecto audiovisual, para poder dotar as alumnas das ferramentas necesarias para enfrontarse a un proxecto dende a súa creación ata a realización, produción e posterior distribución.

A segunda parte da sesión foi conducida por Olmo Couto, quen estivo os últimos cinco anos formando parte da Comuna de Cine de Rojava, onde colaborou e traballou como técnico de cámara e director de fotografía.

A comuna está situada en Rojava, unha administración autónoma ao norte de Siria, comunmente chamada Kurdistán sirio, que xorde da Guerra Civil Siria pola vitoria das milicias rojavas.

A Comuna de Cine de Rojava é un colectivo que nace no 2015 impulsado por cineastas locais e partidarios da revolución ao norte de Siria, con especial interese polo formativo e divulgativo no cinema. Cineastas que se uniron baixo o pretexto de participar na creación de unha nova sociedade, e así poder ofrecer a os cidadáns a oportunidade de ter as ferramentas necesarias para contar as súas historias. Unha escola de cine que ten como función crear, formar e educar a novos cineastas baixo valores como a igualdade de xénero, a descentralización ou a tolerancia. Como ben apuntou Olmo:

“O cinema pode axudar a reinventar a sociedade e a comuna é un claro exemplo”.

Logo de unha contextualización social da zona de Rojava e do relato da experiencia de Olmo en terreo, as alumnas puideron coñecer de primeira man varios dos proxectos que se desenvolveron na comuna e nos que colaborou o relator. Tanto proxectos de ficción, de documental e incluso un proxecto persoal no hospital de Serekaniye. Proxecto que nace da colaboración de Olmo como voluntario no hospital en plena invasión de Serekaniye por Turquía e as forzas yihadistas.