Comeza o XIII Seminario de Comunicación Social e Cooperación internacional cunha sesión honesta e comprometida da man de Juan de Sola.

O pasado mércores 1 de marzo, as alumnas reuníronse por primeira vez na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC para dar comezo a primeira sesión do seminario: “A Radio Comunitaria”.

A introdución da sesión foi presentada polo compañeiro Antonio Grunfeld, coordinador do seminario e técnico de AGARESO. As primeiras horas serviron para profundar na labor que se desenvolve dende a ONG e coñecer máis a fondo o programa do seminario.

Logo diso, contamos coa presenza de Andrea Bouzo, voluntaria e ex-alumna do seminario na pasada edición, que compartiu a súa propia experiencia coas alumnas e amosoulles parte do traballo que fixo coas súas compañeiras na viaxe de prácticas a Senegal.

As seguintes horas foron conducidas por Juan de Sola, fundador de AGARESO, xornalista entregado a loita polos Dereitos Humanos e a comunicación polo cambio social.

Antes de adentrarse no mundo da radio comunitaria, as alumnas puideron escoitar de primeira man as súas experiencias no terreo e agasalloulles cunha boa dose de concienciación, sensibilidade, humanidade e compromiso, cualidades indispensables para traballar no social, como ben apuntou: “O xornalismo non está feito para cínicos, antes de ser bo xornalista hai que ser boa persoa”.

Para rematar a xornada e despois de coñecer a labor da radio comunitaria realizáronse dúas conexións con America Latina.

O primeiro invitado foi Juan Carlos Duarte, director da Radio Camoapa e xornalista exiliado de Nicaragua, quen falou do cometido que cumpre a radio e da importancia que ten para a comunidade. Relatou en primeira persoa o acoso e as represalias que está a sufrir como xornalista polo simple feito de facer o seu traballo, que consiste en informar e servir de voz para a comunidade. E tamén ensinou as novas estratexias de cambio da linguaxe que están a seguir para poder sobrevivir e seguir emitindo. Juan Carlos atópase exiliado de maneira forzosa despois de sufrir unha restrición migratoria, e tanto el como a súa familia están perseguidos baixo ameaza de morte. “Estou fora de Nicaragua, pero non estou fora de perigo”

Para concluir, conectouse Finnela García, xornalista e directora de Radio Guazapa no Salvador. Unha muller comprometida co feminismo e coa súa comunidade, que non deixa de pelexar para manter en pé a radio e os dereitos das mulleres. Falou das formacións que se levan a cabo dende a radio para darlles ferramentas as mulleres e a xente da comunidade e así poder seguir avanzando cara o progreso.

Como ben apuntou, a radio serve de canle e forma unha rede de conexións entre a comunidade, que lles serve para poder ter un espazo onde expresarse libremente, opinar e poder formarse e informarse.

Esta muller ruda e valente segue a loitar cada día inda coa presión e a persecución que se lle está a facer aos xornalistas e en especial as mulleres nun país que por desgraza segue a ser extremadamente machista e que sofre unha difícil situación económica e política.