Nun momento no que o mundo deixa de funcionar e se conxela incluso para os medios de comunicación máis famentos de novas informacións e noticias, chega ‘Castañas no verán’, unha iniciativa promovida polo voluntariado de Agareso na que non se esquecen eses temas, problemáticas, necesidades e opinións que, aínda agochados, non frean ante situacións extraordinarias.

Castañas no verán é un podcast que nace para entreter, acompañar e queixarse daquilo do que, segundo inspira a propia sintonía (‘O Tojo Prende’ de Caxade), se “non nos queixamos nós, os de arriba non fan nada”. Así dá comezo o primeiro programa de Castañas no verán, presentándose como unha proposta afastada do convencional e utópica, así como o son unhas boas castañas no verán, desas que tanto nos gustan e tan complexas son de apañar. Así definían as súas informacións: necesarias, agradecidas, pero difíciles de atopar e “apañar”, polo que o seu traballo consistirá en ir un pouco máis alá e aportar esas visións e novas distintas ás habituais pero agochadas nun mesmo mundo.

Deste xeito presenta o voluntariado de Agareso a súa nova iniciativa, un novo exemplo de comunicación como ferramenta de transformación social.

Xa está dispoñible en iVoox o primeiro programa deste souto radiofónico da man de María Aneiros, Rocío Cadahía, Verónica Couto, Lara Dopazo, Cinthya Martínez, Uxía Pérez, Lucía Rodríguez e Óscar Vázquez. Ademais, se queres formar parte desta nova rede de castiñeiros e castiñeiras non dubides en seguir os seus últimos pasos a través das redes sociais: @castanhasnoveran (Instagram), @castanasnoveran (Twitter) ou Castañas no verán (Facebook).