Nicole Rojas. O segundo encontro de Mulleres Bravas organizado por Amigos da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras co apoio de AGARESO, levouse a cabo o pasado xoves 12 de maio como parte do curso Escola de Sustentabilidade e Cidadanía Global na Universidade de Santiago de Compostela.

Foto: Mulleres Bravas de Honduras e Galicia na Universidade de Santiago de Compostela.

Desde Honduras chegaron de novo algunhas representantes da tenacidade no ámbito ambiental e agrícola do país centroamericano, Leni Suyapa Betancourt e Francisca Sipriana Muñoz, que aproveitaron para compartir e reunirse con outras mulleres galegas, tamén tenaces, que lles falaron un pouco acerca dos proxectos que se producen aquí como Mulleres Salgadas e Arousa en Transición.

Durante o encontro, un espazo aberto para coñecer as experiencias de todas as participantes e o seu traballo, a primeira en tomar a vocería foi Francisca, unha muller hondureña sen pelos na lingua, a quen lle gusta compartir as súas experiencias de máis de 20 anos en defensa do territorio e os dereitos das mulleres. Foi fundadora do Comité Municipal de Defensa da Natureza e da Asociación de Comités Ecolóxicos do Sur de Honduras e, desde hai 4 anos é coordinadora da Oficina Municipal da Muller. Actualmente o seu traballo enfócase nunha escola de campo que basea a súa actividade na agricultura ecolóxica.

A seguinte en participar e contarnos un pouco sobre ela foi Leni, quen fai parte da Comisión Ambiental Municipal do seu pobo e tamén participa de forma activa na defensa do seu territorio ante as ameazas da minería e da industria fotovoltaica.
Leni contou como chegou a integrarse na gandería sostible cando na súa casa comezaron a producir e distribuír leite de vaca e queixos. Ela fai parte dun grupo de mulleres organizadas que traballan para xerar ingresos con estas vendas e así fortalecer o traballo colectivo e os grupos de base.

Foto: Leni Suyapa

Ao finalizar os relatos de Leni e Francisca de Honduras, deuse paso a Dores Gómez Ordóñez, directora e representante da Asociación de Mulleres Salgadas, a primeira e única asociación de ámbito autonómico galego de mulleres do sector pesqueiro.

 A asociación de Mulleres Salgadas é unha organización feminista, pois recoñece e promove o valor do traballo das mulleres en calquera ámbito relacionado co mar e busca, por suposto, a mellora nas condicións das traballadoras, razón pola que esta organización acolle todas as profesións e labores do mar. Hoxe en día conta con máis de 1.500 asociadas

Foto: Dolores Gómez Ordóñez, directora de Mulleres Salgadas.

Por último, pero non menos importante, deuse paso a Arousa en Transición, unha ONG que traballa defendendo o medioambiente e busca xerar camiños cara á transición enerxética. Exemplo diso, é o traballo que realizan mediante a sensibilización da poboación para a procura de solucións á crise ecolóxica e procesos de investigación. O seu máximo piar podería dicirse que é a creación dunha comunidade enerxética que logre xerar beneficios ambientais, económicos e sociais e por suposto, enerxéticos.

Foto: Representante de Arousa en Transición.

Pero a xornada non acabou alí, pois ao finalizar as intervencións de todas as representantes, falouse acerca de como o papel da muller nos campos da economía social e a sustentabilidade non é só vital, senón que é moitas veces menosprezado e non se ten en conta a carga doutros aspectos sociais vinculados normalmente ao papel da muller. Inclusive mencionouse como é evidente aínda, a falta de representación en cargos de importancia e directivas fronte á porcentaxe normalmente alta de homes.

Pese ao debate e o desgusto dun sentimento colectivo de desigualdade aínda bastante presente na sociedade e nos gremios alí presentes, a conclusión da xornada foi máis alentador, ao darnos conta de que, aínda que a intres parece que imos a pasos demasiado lentos, son pasos firmes. A colectividade e o traballo en grupo en busca dun ben común, si transforma e é así como, por exemplo, as mulleres hondureñas puideron posicionarse como pezas craves no traballo ambiental no seu país, a pesar da cultura e as dinámicas que historicamente oprimiron e minimizaron o papel da muller

O encontro non podía terminar doutra maneira que non fose agradecendo a todas as Mulleres Bravas presentes. Desde as representantes educando e compartindo as súas historias e proxectos, ata as participantes, escoitando e tratando de empaparnos un pouco de toda esa sabedoría que nos acompañou durante un par de horas nun aula pero que nos quedará como ensino para sempre.