Na segunda edición do XI Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional chegoulles a quenda aos anfitrións, Rocío Cadahía, a presidenta de Agareso, e Antonio Grunfeld, organizador principal do Seminario. Centraron a súa intervención no audiovisual comprometido en xeral e no documental social en particular. O asunto foi abordado desde todos os ángulos, con  Cadahía expoñendo as claves sobre o guión e con  Grunfeld falando sobre a dirección e a realización.

Feitas as presentacións dos xa coñecidos, Rocío Cadahía tomou a palabra e abriu esta segunda sesión coas claves sobre o guión documental. Empregou, ademais das súas experiencias persoais, os trailers dos seus traballos. Con eles ensináronse os resultados finais, pero o groso do relatorio de  Cadahía desenvolveuse coa exposición dos guións deses proxectos, que ían desde El Secreto del Bosque, un dos seus primeiros traballos, ata Manoliño Nguema, documental galardoado cun Mestre Mateo.

Deste xeito, a través dos exemplos que lle achega a súa bagaxe, a guionista diferenciou entre os diferentes tipos de traballo dentro da súa área, desde o guión previo, realizado antes de comezar a gravar, ata as versións finais, que chegan tras longas horas de transcricións e visionados de entrevistas e demais brutos. Neste sentido, para facerse cos vídeos que logo entrañarán o guión e o documental resultante, Rocío Cadahía subliñou a importancia de “coidar dos protagonistas, pois nos están abrindo as portas das súas casas e das súas vidas, e iso merece o maior dos respectos”.

“Unha peli é unha mentira que debería parecer verdade, o documental é unha verdade que debería parecer mentira”, apuntou a relatora, xa pechando a súa intervención para dar paso a Antonio Grunfeld, encargado de falar polas seguintes dúas horas e de, no seu traballo diario, converter esas verdades que mencionaba a presidenta de Agareso en aparentes mentiras.

Grunfeld, director de documentais, comezou por expoñer a súa traxectoria, con comezos na publicidade e o seu primeiro éxito, un “viral” sobre o Movemento 15-M, polo que xa pasaron uns cantos anos. O organizador do Seminario destacou a importancia da formación dun grupo de traballo, tarefa do director, que coordina todo o proxecto audiovisual.

“É importante que gravedes en horizontal, a non ser que  trabajeis para Instagram”, chanceou Antonio Grunfeld para dar paso á parte máis teórica da súa exposición. Remarcou a importancia dos orzamentos para a realización do proxecto, tarefa tamén do director e coordinador. “Pensádeos ben, o diñeiro e os tempos de entrega sempre xeran problemas”, advertiu o relator. A partir dese momento, centrou as súas palabras en recomendacións e consellos útiles para o alumnado, desde a elección das cámaras ata cuestións legais de permisos de gravación ou de usos de música nas pezas audiovisuais.

“Este mundo é moi competitivo, hai que ter un súper talento ou ser moi insistente, que é o meu caso”, comentou Grunfeld para pechar a súa quenda de palabra. “É importante venderse moi ben, moverse moi ben e insistir, xa que o social é complicado, aínda que ao final acábase creando unha familia no equipo, algo moi gratificante, que nos anima a quen estou neste mundo para seguir dando batalla”.