Na oitava sesión do X Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional os relatores xogaron na casa. Tanto foi así que hoxe tocoulles falar a Antonio Grunfeld, o coordinador do Seminario, e a Rocío Cadahía, a presidenta de Agareso. Ocuparon o seu tempo falando da que realmente é a súa especialidade, o documental participativo e social, centrándose a presidenta no tocante ao guión e o coordinador na dirección. “Esta é a nosa maneira de traballar, haberá outras moitas… Cando vos poñades a traballar, vós mesmas, aínda quizais partindo das nosas, teredes outras novas”, avisou Antonio Grunfeld antes de comezar.

Un da man do outro, comezaron contando a súa experiencia: os seus comezos, as súas aventuras en Guinea Ecuatorial… E axiña entraron en materia, amosando ao alumnado o trailer de El Secreto del Bosque, un dos seus primeiros proxectos no país africano. Durante a sesión tamén se comentou o trailer de Manoliño Nguema, longametraxe documental premiado nos Mestre Mateo 2020 e de autoría “agaresiana”, dirixido e guionizado polos propios relatores.

Non tardaron en comezar a dar pautas e recomendacións, á vez que avanzaban os exemplos en forma de vídeo. “É necesario facerse unha serie de preguntas antes de comezar: Como quero contar? Vai levar voz en off? Ou vai ser autonarrado? Vai ser observacional? Temos que pensar moito o tipo de documental que queremos”, dixo Cadahía, pero podería telo dito calquera dos dous.

“Eu podo escribir, pero igual non se graban esas imaxes”. É por isto que o guionista sempre ten que estar pensando nos posibles cambios que se poden dar no seu guión conforme avance a rodaxe. Precisamente, para a rodaxe tamén se comentaron pautas: “non pasa nada por pedirlle ao protagonista que finxa a súa vida, sempre que sexa real”, pois “non estamos traballando con actores nin actrices, pero con moito respeto debemos decirlles aos nosos protas que por favor fagan tal acción, e repetila ata que quede ben, porque ter recursos é clave para acompañar as nosas entrevistas e que o documental non se convirta nun busto parlante en forma de entrevistado”, insistiron a coro os relatores. 

A presidenta incidiu moito na importancia da documentación correcta para poder ter un contexto sobre a realidade que se vai tratar no documental. “Eu, persoalmente, por moito que me documente non escribo nada do guión antes de empaparme persoalmente en terreo”, comentou Cadahía. Seguindo este fío, deu pautas para unha estrutura correcta, aínda que cada traballo e cada traballador é un mundo. Engadiu Grunfeld que “é moi importante, tamén, presentar ao prota antes de nada para poder ver en condicións o resto documental”. “Oxalá nos tiveran dito isto a nós antes de facer moitos proxectos!”, bromeou o noso coordinador.

“O guionista debe estar maquinando dende o primeiro minuto”, pois del dependen os primeiros días de rodaxe. “Por suposto, o guión é totalmente flexible, pois a realidade transforma e mellora o guión inicial constantemente. O traballo continúa ao chegar á casa, pois comezan as transcripcións e os visionados. “É aí onde se pecha o guión final, xa sobre seguro e sabendo que todo o que pode entrar no docu está gravado e que non hai posibilidade de gravar máis”. A práctica sempre é máis complicada: “temos que guiar moito aos nosos contratantes, pois somos nós as expertas en comunicación e non podemos deixar que se impoña sempre o criterio do empleador”.

O papel fundamental do director en calquera traballo audiovisual, en palabras de Grunfeld, “é puramente de recursos humanos”. Hai que estar a todo, segundo dixo, coordinando aos guionistas, aos montadores, aos responsables de fotografía… A todo o equipo. “Poñendo tanto interés, cando tes o documental rematado, sintes que tes como ao teu bebé”, bromeou Antonio. O coordinador fixo un repaso, como a súa acompañante, á súa carreira, un pouco para motivar ao alumnado e ver que os que están dun lado e do outro da aula (virtual) non son tan diferentes.

“O equipo é ouro, eu levo practicamente dende o primeiro día co mesmo equipo e estamos moi unidos”, destacou Grunfeld. Dun xeito totalmente relaxado, explicou de xeito claro e sinxelo o tocante aos plans orzamentarios, algo fundamental para calquera produción. As subvencións son claves neste sector, polo que foi un tema tamén explorado. Todo falando dende o seu punto de vista, defendeu o xeito de gravar aproveitando ensinanzas da publicidade, tendo en conta ao público ao que se dirixe o filme e facéndoo atractivo para este.

É certo que é un produto caro, así como é certo que se require moito traballo, “de anos incluso”, en palabras dos relatores. “Pero é un bo momento para o documental, da man de plataformas como Netflix e Movistar, mesmo está presente nas salas de cine”, subliñou o noso coordinador, que engadiu, “cando eu comecei, o documental só saía nas sobremesas de La 2, así que aproveitade!”.