Medio cento de rapaces e rapazas de toda Galicia participan esta semana nun hackaton en liña organizado por Agareso sobre o impacto que ten o Coronavirus en países empobrecidos, sen servizos básicos ou sistemas sanitarios públicos e con grandes desigualdades no acceso a unha vivenda digna.

Rapazada de Viana do Bolo, Silleda, Brión e Bueu recolle información sobre a pandemia do epidemiólogo galego afincado en Londres Javier Guitián e datos sobre o seu impacto en países empobrecidos da man de Silvana Vivanco (de Perú), Ruhaan Je (da India), Dorian Díaz (de Guatemala), Estéfani Guillén (da República Dominicana) e Jenifer Rivas (de El Salvador). O seu obxectivo é entender os efectos que ten a pandemia nos países sen servizos básicos, sen sistemas sanitarios públicos e con grandes desigualdades no acceso a unha vivenda digna e trasladarlle esta información ao resto da sociedade, mediante vídeos e memes feitos por eles e por elas mesmas.

Este Hackaton forma parte do proxecto educativo EpDLab e en anos anteriores celebrouse en Silleda, nun encontro intercentros que permitía á rapazada dos distintos centros de toda Galicia que participan no proxecto coñecerse en persoa. Nesta ocasión, o celebrouse virtualmente, “a pesares de e en relación á pandemia”, como di un dos mestres implicados no proxecto, Ovidio Villar, “para coñecer a realidade global do mundo, aprender directamente dun epidemiólogo e ver a relación entre o avance da pandemia e os recursos básicos cos que conta cada zona do planeta”. Para este docente, responsable do proxecto no IES Carlos Casares de Viana, o Hackaton, que está aberto e é de libre uso para docentes e familias interesadas, é “unha clase de xeografía ben completiña, fundamentalmente de xeografía social, que radiografía a verdadeira pandemia que sofre este planeta, e que vai moito máis alá do coronavirus”.

EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros grupos en El Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen nas súas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade.

A crise da Covid-19 tronzou pola metade a quinta edición deste Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento. O peche dos centros de ensino impediu celebrar nas aulas os últimos obradoiros, nos que estaba previsto achegar ao alumnado do proxecto a realidade de mozas e mozos da República Dominicana e traballar conceptos como medio ambiente, consumo responsable e economía solidaria ou cooperación internacional, voluntariado, activismo e cambio social. Pero a distancia física non ten porque ser tamén social e pedagóxica, así que o equipo do proxecto e o profesorado de cada un dos centros participantes apostou por adaptarse ao novo contexto, con novas metodoloxías, pero cos mesmos obxectivos. Trasladaron os contidos e metodoloxías presenciais á contorna dixital, creando actividades de participación asincrónica, con dinámicas gamificadas e recursos interactivos que comparten na plataforma Moodle Cloud para o libre uso de profesorado, alumnado e familias. Quen queira probar, pode facelo aquí empregando invitado como nome de usuario e como contrasinal.

A coordinadora de Agareso, Lorena Seijo, explica que a ONGD pon esta alternativa tamén nas mans do profesorado non vinculado ao proxecto que queira xestionalo de forma autónoma, “por se lles parece útil para o seu alumnado actual ou por se lles parece unha boa alternativa para o vindeiro curso”. “Cremos que en situación de crise cada quen ten que aportar na medida das súas posibilidades solucións e alternativas”, afirma, “e nós intentamos facer a nosa achega con esta proposta porque, para nós, a educación é participación, reflexión e compromiso, e isto non o cambia nin unha pandemia”.

O EpDLab está deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso e financiado por Cooperación Galega. Pódese coñecer máis sobre o proxecto no artigo Narrativas Digitales para potenciar la creatividad, la participación y el pensamiento crítico en la enseñanza obligatoria publicado no Congreso Internacional sobre Aprendizaje, Innovación y Cooperación (CINAIC).