Do 6 ao 11 de xuño de 2016 o Concello de Pontevedra acolleu unha gran diversidade de actividades que convidaron á cidadanía para reflexionar sobre a Cooperación Internacional e a necesidade de loitar contra a desigualdade a nivel global. As actividades foron deseñadas polas ONGD galegas Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e Asemblea de Cooperación pola Paz co obxectivo de poñer en valor a Cooperación como ferramenta de transformación social a nivel mundial.
Para iso programouse unha batería de 25 actividades para todas as idades que de luns a sábado foron promovendo esta reflexión conxunta a través de talleres lúdicos, proxeccións de documentais, debates, charlas, actividades de rúa, exposicións fotográficas, concertos… En definitiva unha serie de espazos de convivencia nos que a poboación puido coñecer de primeira man as problemáticas sociais que aborda a cooperación internacional e os efectos positivos da mesma.
Os espazos escollidos para a realización das actividades foron A Casa dá Luz, o Pazo dá Cultura, a Facultade de Ciencias Sociais e as rúas da zona vella.
A semana comezou coa realización dun grafitti sobre un mural co lema das xornadas por parte da asociación Vella Escola, para continuar pola tarde coa primeira charla na que se expuxeron as especialidades que desde Galicia ofrécense para voluntariado de cooperación.
O martes na praza de Barcelos nenos e nenas realizaron un mural cunha mensaxe a favor da igualdade dos pobos e comezouse a gravar un vídeo que recolleu a opinión da cidadanía pontevedresa sobre a crise das persoas refuxiadas. Na tarde do martes continuouse cun paseo para toda a familia pola rúas da cidade no que a xente de Feitoría Verde analizou os valores que transmite a urbe en temáticas como o xénero, a diversidade ou o medio ambiente. A xornada terminou con Guinea Ecuatorial e a proxección do documental El Secreto del Bosque ás 20h na Casa da Luz.
O mércores fué o día do Comercio Xusto cun coloquio realizado por Solidariedade Internacional de Galicia, seguido da proxección do documental gravado en Guatemala sobre vivenda digna O Dereito a un Techito, de Arquitectura sen Fronteiras e Agareso.
O xoves realizouse unha acción de rúa xunto a Solidariedade Internacional de Galicia, e celebrouse a mesa sobre Cultura para o Cambio, na que se analizou xunto a persoas expertas o que pinta a cultura na cooperación, para finalizar cun concerto mestizo entre as percusionistas de Cabo Verde Batuko Tabanka e as pandereteiras pontevedresas Rexubeiras.
O venres mergullámonos no campo da pedagoxía e das novas ferramentas para a Educación en Valores, territorio no que as ONGD galegas teñen unha especial relevancia. Pola mañá ás 10h na Facultade de Ciencias Sociais comezamos cunha charla sobre Dinamización do espazo rural a través do audiovisual con exemplos prácticos que estamos a desenvolver nos Ancares e na Limia, e replicar en zonas rurais de Italia, Portugal e Francia, a través do Eramus+. Para seguir cunha presentación sobre Vídeo Participativo como ferramenta de Empoderamiento, na que expertos de Inglaterra, Hungría e España descubríronnos todas as súas posibilidades.
A xornada terminou cunha mesa especialmente dirixida aos educadores e educadoras na que falaremos de como Aprender Facendo, a través da análise da metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo e das experiencias das organizacións galegas.
O sábado foi o peche destas xornadas cunha batería de actividades que abordarán temáticas de moita actualidade, como a violencia contra as mulleres ou a migración e o refuxio. Comezaremos ás 11h da mañá no Pazo da Cultura analizando xunto a activista salvadoreña Vilma Vaquerano a importancia do traballo das organizacións de mulleres en Cooperación e as problemáticas que máis afectan as mulleres centroamericanas. Ao mesmo tempo desenvolverase un taller de dobraxe de películas con perspectiva de xénero. Ás 12h30 falamos xunto con Miguel Alba de Intermón Oxfam, Xosé Cuns de EAPN e Alejandro Quiñoá de ACPP Galicia da importancia da repolitización das ONGD e da aposta polo concepto de Desigualdade Global.
Pola tarde foi a quenda das mesas sobre migracións. Nelas abordáronse as causas da fuxida de miles de persoas dos seus países de orixe a través de experiencias persoais de Guinea Bissau, O Salvador e Senegal, e o traballo da ONGD galega Ecos do Sur; E dos conflitos armados e o refuxio desde a perspectiva de fenómenos actuais como de Siria, pero coa visión das consecuencias que tivo para o Sahara a inacción de Europa. Para os máis pequenos tivemos un taller artístico de pintura sobre interculturalidad no mesmo Pazo da Cultura ás 18h00.
Estas xornadas supuxeron a primeira aposta dun Concello galego pola visibilización da importancia da Cooperación Internacional e achegar espazos de reflexión e debate sobre as problemáticas que inciden na desigualdade no mundo.
Programa completo das xornadas
Video opinións sobre persoas refuxiadas
Video resumo das xornadas