A Convención Anual “Comunicación, Cooperación e Solidariedade”, é cita que conta cun atractivo engadido, xa que se celebra no interior do centro penitenciario de A Lama (Pontevedra). A Secretaria Xeral de Institucións Penitenciarias, Mercedes Gallizo, foi a encargada de inaugurar as xornadas.
A convención mantén o obxectivo co que naceu en 2008 de compartir experiencias en materia de comunicación social, cooperación e solidariedade tanto cos/as asociados/as de AGARESO coma con membros do terceiro sector, profesionais da comunicación e con público en xeral interesado nestas vertentes. Na súa IV edición centrouse de xeito especial na Comunicación para o Desenvolvemento.
A cuarta edición contou coa asistencia de correspondentes de AGARESO noutros países, como a xornalista mexicana Priscila Hernández, correspondente Clave do proxecto ONU/Sida; con profesionais de recoñecido prestixio no mundo da comunicación en Galicia e España, coma Clara de Saá, directora do programa de radio “Convivir en Igualdade” da Radio Galega e Pablo Morán, director do programa de solidariedade “Punto de Fuga”, da Cadena SER; e entidades sociais de demostrado interese e renome en Galicia, coma COGAMI ou a Fundación Galega contra o Narcotráfico.
Ademais, realizáronse conexións a través de Internet con xornalistas destacados en distintos países. Javier Bauluz, fundador de Periodismo Humano e premio Pulitzer 2004, dende Madrid e Amaia López de Munain, xornalista especializada en política internacional e dereitos humanos dende Túnez.
Foron dous días de experiencia formativa e convivencia que, ademais, foron retrasmitidos a través das canles de radio e televisión de AGARESO e das redes sociais Facebook e Twitter.