Mulleres Bravas

Mulleres Bravas

Deseño e implementación da estratexia de comunicación do proxecto: Mulleres Bravas, defensoras da vida de Amigos da terra e Enxeñería sen Fronteiras

Data: 2022

Financiación: Xunta de Galicia

O noso modelo de vida hiperconsumista está xerando un boom do extractivismo a nivel mundial, necesario para conseguir a grande cantidade de recursos que este sistema  precisa.  Ademais, existen países onde a protección social e ambiental é máis feble, polo que as corporacións atopan máis rendibilidade para os seus negocios e a miúdo alíanse coas elites para manter a toda costa o seus privilexios. Isto ten consecuencias, como a migración de miles de persoas ou a represión aos movementos que defenden a súa terra.

Dun destes países, Honduras, viñeron as nosas Mulleres Bravas. Elas son produtoras, labregas,  gandeiras e ademais pertencen a grupos organizados que defenden ecosistemas clave ou se opoñen a grandes obras extractivistas. Son exemplos de valentía nun contexto perigoso e violento para o activismo en xeral,  e para as mulleres en particular. Honduras é un dos países cunha maior taxa de asasinatos de defensoras de dereitos humanos do mundo.

A pesares por tanto de que a ameaza do extractivismo incontrolado nun entorno de debilidade institucional é moito maior, as problemáticas de Honduras e Galicia son manifestacións do mesmo sistema e as estratexias das corporacións parecidas.  En Galicia, asistimos os últimos anos ao auxe da nova minaría e dos intentos por reactivar antigas explotacións, a ameaza dos parques eólicos, o fenómeno das macrogranxas, o esgotamento de recursos da pesca…

Entre os meses de marzo e maio do 2022, no marco do proxecto Mulleres Bravas desenvolvido por Amigos da Terra e Enxeñería sen Fronteiras, Karina, Cora, Adolfina, Francisca e Leni visitaron  a nosa terra. Falárannos das súas loitas, que son tamén as nosas, e das súas esperanzas, que sen dúbida compartimos. Agareso foi a entidade que deseñou e coordinou a estratexia de comunicación destes encontros, para que as loitas destas Mulleres Bravas se amplificasen e as súas voces soaran o máximo posible na nosa comunidade.

Porque para defender a terra, a auga, a vida,

aquí ou alí, 

hai que ser moi brava

Yeni Karina Aguilar

Mandaban coches á comunidade cando estabamos no campamento, na noite. A min perseguíronme dúas veces. Sempre estamos expostas”

Yeni leva a loita metida no corpo. Só ten 23 anos e  xa acumula cinco batallando contra o megaproxecto fotovoltaico que ameaza o seu pobo. Para defendelo botou nove meses vivindo nun campamento improvisado nunha zona onde pretendía instalarse a empresa.

O 8 de marzo do 2017, como se dunha lección as mulleres alí instaladas se tratase, o xuiz ditou un desaloxo e maquinaria entrou. As que alí estaban foron perseguidas, hostigadas, criminalizadas. Denunciadas.

Sen embargo, e a pesares de que o activismo págase moi caro en Honduras, Yeni nunca cesou no seu empeño.  A denuncia que lle puxeron por “danos a propiedade privada” foi arquivada por falta de probas e co apoio do 97,3 % do municipio de Namasigüe conseguiron declaralo como zona libre de Minería e Fotovoltaica. Ata agora.

E que as veces, para defender a terra, hai que ser moi brava

Coralia Argentina Turcios

Non teño medo, a miña comunidade apóiame e se me toca defender novamente os noso mangle faríao unha e outra vez”

Cora, como lle chaman na súa comunidade, é sobre todo unha muller valente.  

A súa loita céntrase en defender dende hai xa máis de vinte anos o mangle da Bahía de Chismuyo, un refuxio natural para miles de especies que no ano 2000 foi ameazado polos intereses persoais do alcalde da vila. Pretendía vender os bosques de mangle a unha industria camaroneira para súa explotación.  

Nese momento Cora, como presidenta do Patronato Comunitario que era, opúxose ao alcalde, e con tan só vinte anos, liderou a defensa dos bosques de mangle, unha das zoas ancestrais comunitarias do seu pobo.  Co paso dos anos outras ameazas viñeron, pero  grazas a Cora e a outros defensores e defensoras como ela, os bosques de mangle da Baía de Chismuyo seguen a ser un dos humidais mellor conservados do país.

E que as veces, para defender a vida, hai que ser moi brava.

Adolfina Contreras

“Queren saquear o noso cerro pero por San Jorge non van pasar. Somos unha comunidade forte e unida e non imos quedar sós

Adolfina, a pesar de que é mestra, define a súa profesión como defensora de bens comúns. Os bens de todos e todas.

Pertence a San Jorge, unha pequena comunidade no municipio de Pespire. É unha desas mulleres cunha vida pragada de loitas, porque ao final defender o medio ambiente é tamén defender as persoas.

No ano 2013 unha empresa panificadora conseguiu de xeito presuntamente irregular a licencia para dragar un afluente do rio Nagore na procura de area, grava e outros materiais. A actividade minería afectaría a catro pozos e a este río que abastece de auga as máis de 12 mil persoas  que nos verán xa acusan períodos de sequía.  Este foi o detonante para que Adolfina e as súas compañeiras e compañeiros  comezasen unha loita titánica contra a compañía, conseguindo declarar Pespire Libre de Minería.  Foi un histórico día do ano 2018. 

E que as veces, para defender a agua, hai que ser moi brava.

Francisca Sipriana Muñoz

Francisca naceu onde nace o río Tiscagu, por iso quizais defendelo sempre formou parte da súa vida.  Por opoñerse a instalación de tres muíños para a extracción de ouro na súa cunca, botárona do traballo. Pero isto solo a impulsou a organizarse xunto a máis de catro mil persoas que se levantaron contra a industria mineira. Recibiu ameazas, pero finalmente a empresa marchou da comunidade.

Loitadora, feminista, leva máis de 20 anos compaxinando a defensa do territorio e a defensa das mulleres.  Tamén traballa con outras mulleres nunha escola de campo para a produción agroecolóxica, e cultiva xunto aos  fillos na súa horta biointensiva millo, sorgo e frijol, ademais de moitos tipos de hortalizas.

Porque as veces a loita é defensa, pero outras é procura de alternativas. Outro xeito de producir e cultivar. Outro xeito de mirar cara o territorio.

Leni Suyapa Betancourt

Leni recorda con agarimo o consello da súa avoa para que na casa non faltase o mamey, unha árbore que tarda en medrar pero que é boa para a terra. Vivían ao pe da área protexida do Cerro de Guanacaure. Cando casou e atopou que a propiedade do seu home era árida e sen vida, pasou anos carretando sacos de terra cada vez que ía visitar a súa nai. Así pouco a pouco converteu un terreo seco nun oasis de froiteiros e cultivos. Moitas organizacións comezaron a solicitar a súa casa para realizar capacitacións, e a ela fóiselle metendo o demo do activismo no corpo. Agora participa activamente na defensa do seu territorio ante as ameazas da minaría e da fotovoltaica.

Tamén é gandeira sostible, e forma parte dun grupo de mulleres organizadas que traballan no procesamento e venda do leite e que cos ingresos que xeran fortalecen os seus grupos de base.

Porque as veces para ser brava hai que ser como o mamey, medrar lentamente, pero polo camiño ir deixando unha terra fértil no que outros, e outras, poidan medrar tamén.

Os materiais están dispoñibles para descarga e son de libre difusión.

PRENSA

PARA REDES SOCIAIS

ESTRATEXIA DE COMUNICACIÓN

MATERIAL GRÁFICO

Share This