Mulleres Bravas

Mulleres Bravas

Deseño e implementación da estratexia de comunicación do proxecto: Mulleres Bravas, defensoras da vida de Amigos da terra e Enxeñería sen Fronteiras

Anos: 2021-2022 /2023-2024

Financiación: Xunta de Galicia

O noso modelo de vida hiperconsumista está xerando un boom do extractivismo a nivel mundial, necesario para conseguir a grande cantidade de recursos que este sistema  precisa.  Ademais, existen países onde a protección social e ambiental é máis feble, polo que as corporacións atopan máis rendibilidade para os seus negocios e a miúdo alíanse coas elites para manter a toda costa o seus privilexios. Isto ten consecuencias, como a migración de miles de persoas ou a represión aos movementos que defenden a súa terra.

Dun destes países, Honduras, viñeron as nosas Mulleres Bravas. Elas son produtoras, labregas,  gandeiras e ademais pertencen a grupos organizados que defenden ecosistemas clave ou se opoñen a grandes obras extractivistas. Son exemplos de valentía nun contexto perigoso e violento para o activismo en xeral,  e para as mulleres en particular. Honduras é un dos países cunha maior taxa de asasinatos de defensoras de dereitos humanos do mundo.

A pesares por tanto de que a ameaza do extractivismo incontrolado nun entorno de debilidade institucional é moito maior, as problemáticas de Honduras e Galicia son manifestacións do mesmo sistema e as estratexias das corporacións parecidas.  En Galicia, asistimos os últimos anos ao auxe da nova minaría e dos intentos por reactivar antigas explotacións, a ameaza dos parques eólicos, o fenómeno das macrogranxas, o esgotamento de recursos da pesca…

No 2022 e no 2024, no marco do proxecto Mulleres Bravas desenvolvido por Amigos da Terra e Enxeñería sen Fronteiras, mulleres bravas hondureñas visitaron  a nosa terra. Fálannos das súas loitas, que son tamén as nosas, e das súas esperanzas, que sen dúbida compartimos. Agareso foi a entidade que deseñou e coordinou a estratexia de comunicación destes encontros, para que as loitas destas Mulleres Bravas se amplificasen e as súas voces soaran o máximo posible na nosa comunidade.

Share This