Xeración Contrainfo 24-25: Machismo

Xeración Contrainfo 24-25: Machismo

 

Ámbito territorial: Galicia

Data: 2024 – 2025

Persoas beneficiarias: Alumnado e profesorado de Educación Secundaria, entidades sociais, alumnado universitario, xornalistas

Parcerías: Xornalistas Galegas, Clavico, Xénero Educa, CEFEX da UDC, Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, IES de Soutomaior, IES do Milladoiro (Ames) e IES Politécnico de Vigo.

Principal entidade financiadora: Xunta de Galicia

Orzamento: 38.325,66 €

Xeración Contrainfo é un proxecto de Educación para o Cambio Social impulsado con Agareso co financiamento da Xunta de Galicia, co obxectivo de atallar a raíz do mecanismo que xera os discursos de odio, partindo da necesidade de mellorar a alfabetización mediática do alumnado para evitar que callen os discursos emitidos polos grupos extremistas nas redes sociais e que, como se vén demostrando noutras latitudes, poden levar a nosa adolescencia cara a posicións intolerantes e radicalizadas.

Analizamos a situación de partida nos centros de ensino, elaboramos materiais que promoven a empatía cos colectivos e persoas afectadas polo discurso de odio e xeramos unha metodoloxía para traballar esta temática co alumnado se Secundaria, co obxectivo de que se convirtan en protagonistas na loita contra os prexuízos e constrúan o seu propio contradiscurso. Finalmente, trasladámoslle ao profesorado presente e futuro, a xornalistas e a educadoras/es sociais todo o aprendido no proceso.

O ANTIFEMINISMO POLARIZA O ALUMNADO DE SECUNDARIA

O Estudo sobre o machismo e a misoxinia entre o alumnado e o profesorado de Secundaria de Galicia, realizado pola comunicadora e docente Lucía Rodríguez Peña a partir das respostas que ofreceron 396 estudantes e 199 docentes de centros de ensino de toda Galicia, certifica “a polarización existente entre o alumnado masculino cishetero, por unha banda, e o alumnado feminino e do colectivo LGBTIQ+, por outra”. “Obsérvase unha fenda entre o discurso a prol dos dereitos humanos, co que conectan en maior medida as mozas”, afirma Lucía R. Peña, “e as opinións disruptivas coas que os mozos cishetero reflicten o seu malestar co feminismo e coa propia idea de desigualdade”. “As rapazas que participan nos comités de igualdade dos institutos e as docentes que avogan por aplicar a perspectiva de xénero no seu día a día son tachadas de feminazis“, abunda Rodríguez Peña. E algunhas familias manifestan un certo grao dacordo con este clima de confrontación, empregando expresións como “non soporto este feminismo” ou “o feminismo pasouse de voltas”.

Un 62% dos alumnos cishetero que participaron no estudo considera, de feito, que a loita pola igualdade das mulleres é excesiva e que, actualmente, son os homes os discriminados. Unha mostra de como teñen calado entre a xuventude os discursos antidereitos presentes en redes e azuzados polos grupos de ultradereita é que, despois de anos de políticas de igualdade, un 30% dos alumnos cis heteosexuais afirma que a violencia non ten xénero, un 27% cre que o feminismo é un movemento en contra dos homes e un 25% identifícao como a loita pola superioridade das mulleres respecto dos homes. Todas estas porcentaxes redúcense enormemente entre as rapazas cishetero e o colectivo LGBTIQ+, chegando nalgún caso a ser residuais.

A xuventude consultada neste traballo acredita en que a igualdade de xénero é un piar fundamental da nosa convivencia, pois a meirande parte das mozas cishetero (94%), dos mozos cishetero (82%) e das persoas do colectivo LGBTIQ+ (92%) consideran que contribúe a facer unha sociedade máis xusta. Este é o achado máis esperanzador da consulta á mocidade, pois non se trata dunha previsión de futuro, senón que constitúe unha realidade a día de hoxe. Porén, malia que existen razóns para o optimismo, hainas tamén para a preocupación. Unha delas é a existencia do discurso misóxino en si mesmo, que eleva o antifeminismo a categoría política avalada por algúns líderes mundiais. Outra é como cala ese antifeminismo na poboación adolescente, inmersa no proceso de construír a súa identidade baixo a ollada escrutadora do seu grupo de iguais, co desexo de satisfacer o que se espera dela e sen moita experiencia vital para evitar manipulacións mediáticas interesadas.

Nese senso, as últimas investigacións publicadas polo Centro Reina Sofía animan a traballar de forma diferenciada coas mozas e cos mozos, como é a proposta de Xeración Contrainfo, e tamén a atender de forma específica o sentir dos rapaces. O malestar que manifestan é real, está nas aulas e na súa forma de comprender o xénero, así como as relacións que se tecen a partir del. Senten que o feminismo chegou demasiado lonxe, que se lles pretende impoñer unha ideoloxía, están enfadados e frustrados, pero pode ser que llo estean a recriminar ao colectivo equivocado. Por iso é preciso ofrecer unha alternativa e que esta saia da propia comunidade escolar.

Tedes máis información aquí. Algúns dos medios que se fixeron eco da noticia foron Nós Diario, Praza Pública, El Correo Gallego (1 e 2), Faro de Vigo, La Opinión , Galicia Confidencial, Galiciapress (1 e 2), El Diario de Ferrol, Atlántico Diario,, Ferrol360 e Radio Líder Santiago.

TESTEMUÑAS DO IMPACTO DESTA POLARIZACIÓN

Xosé Cabido Pérez e Sonia Fernández Casal, docentes de Educación Secundaria; Marga Tojo, de Xornalistas Galegas; Beatriz Carrasco, da Anpa do IES de Soutomaior; e Sheila Santiago Santos, Aroa Santiago Santos, Thalía Rama Blanco, Victoria Sousa Cruz e Xiana Bustelo Tallón, da Comisión de Igualdade do IES do Milladoiro (Ames) ofrécenos a súa visión sobre como impactan os mandatos de xénero e a polarización existente na vida das rapazas e dos rapaces.

Os mandatos masculinos: a máscara e a frustración

 

Os mandatos de xénero femininos: as rapazas mudas

 

Os mandatos de xénero femininos: o medo como condena

 

O pacto entre varóns e a presión de grupo

 

Os discursos antifeministas medran vizosos nas escolas

 

As redes sociais como campo de batalla

 

TRABALLO NAS AULAS

Como resposta á situación descrita, Agareso elaborou unha proposta didáctica para traballar o discurso de odio misóxino nas aulas de Secundaria, xunto coa alfabetización mediática e a elaboración de contradiscurso. Fíxoo a partir do traballo desenvolvido durante décadas por Pepe Cabido e Sonia Fernández Casal en varios centros galegos e en colaboración con varias Anpas, con alumnos e alumnas de equipos de igualdade e con Xornalistas Galegas. E púxoa a proba en tres centros galegos: o IES do Milladoiro, o IES Politécnico de Vigo e o IES de Soutomaior. Traballamos por separado con mozos e mozas y chicas cuestións como os mandatos de xénero e construímos despois de xeito conxunto pontes de comunicación honesta e respectuosa entre elas e eles. Tanto estes materiais didácticos como os vídeos que os acompañan están a disposición de quen queira usalos para traballar esta cuestión nas aulas.

COMPARTIMOS OS RESULTADOS

Dende Agareso, ofrecemos tamén unha formación gratuíta de 8h de duración que conta coa homologación da Consellería de Educación, na que:

  • Analizamos os mandatos de xénero presentes nos IES e o seu impacto na vida dos alumnos e alumnas.
  • Falamos das vantaxes de traballar puntualmente de xeito diferenciado con alumnas e alumnos. E de como afrontar as dificultades que puideran xurdir. Tamén, da importancia de reconstruír a comunicación entre eles e elas.
  • Puxemos en práctica diversos recursos pedagóxicos para traballar a diversidade co noso alumnado, empregando ferramentas de comunicación, como a radio.
  • Achegámonos a varios exemplos de boas prácticas, partindo das unidades didácticas do proxecto Xeración Contrainfo
  • Concluímos cunha práctica grupal na que integraremos a lectura crítica e as contranarrativas na aula para a educación en valores, a acción titorial e a atención á diversidade.

Tamén presentamos os resultados do proxecto en diversos espazos, como a facultade de Educación da USC, a xornada Dos discursos de odio ás contranarrativas organizada polo CAFI, o Consello Municipal de igualdade de Santiago de Compostela ou a Escola de activismos organizada pola CGONGD.

Se queres que obter máis información sobre o proxecto, por favor, non dubides en contactar.

ENTIDADES COLABORADORAS

Share This