Xeración Contrainfo 23-24: LGBTfobia

Xeración Contrainfo 23-24: LGBTfobia


Ámbito territorial: Galicia

Data: 2023 – 2024

Persoas beneficiarias: Alumnado e profesorado de Educación Secundaria, entidades sociais, alumnado universitario, xornalistas

Parcerías: Arelas, Avante LGBT+ Galiza, Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, Arraianas, IES de Soutomaior, IES do Milladoiro (Ames), IES Politécnico de Vigo e IES Xulián Magariños (Negreira).

Principal entidade financiadora: Xunta de Galicia

Orzamento: 37.970 €

Xeración Contrainfo é un proxecto de Educación para o Cambio Social impulsado con Agareso co financiamento da Xunta de Galicia, co obxectivo de atallar a raíz do mecanismo que xera os discursos de odio, partindo da necesidade de mellorar a alfabetización mediática do alumnado para evitar que callen os discursos emitidos polos grupos extremistas nas redes sociais e que, como se vén demostrando noutras latitudes, poden levar a nosa adolescencia cara a posicións intolerantes e radicalizadas.

Analizamos a situación de partida nos centros de ensino, elaboramos materiais que promoven a empatía cos colectivos e persoas afectadas polo discurso de odio e xeramos unha metodoloxía para traballar esta temática co alumnado se Secundaria, co obxectivo de que se convirtan en protagonistas na loita contra os prexuízos e constrúan o seu propio contradiscurso. Finalmente, trasladámoslle ao profesorado presente e futuro, a xornalistas e a educadoras/es sociais todo o aprendido no proceso.

OS INSTITUTOS NON SON ESPAZOS SEGUROS PARA O COLECTIVO LGBT

Nesta segunda edición do proxecto, denunciamos que os centros de ensino non son lugares “seguros” para as persoas do colectivo LGBT, a partir dos resultados dun estudo realizado pola investigadora especializada Estrella Ramil coas respostas que ofreceron 503 alumnos/as de 7 IES galegos e 74 docentes de 29 centros a unha enquisa on-line e con tres grupos focais nos que participaron 14 integrantes da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia; da Asociación de familias de menores e mocidade trans de Galicia, Arelas; e de Avante LGBTI+ Galiza.

A autora do estudo, Estrella Ramil, advirte que “aínda que a poboación LGBT cada vez está a ser máis visible e máis aceptada”, tamén nos centros educativos, “grazas ao avance nas axendas de dereitos humanos e diversidade”, a sociedade debe ser consciente de que o alumnado “segue enfrontándose a múltiples situacións de LGBTfobia ou bullying LGBT nos centros educativos de Galicia”. Estas agresións proceden, segundo indica o estudo, “tanto do alumnado como do profesorado” e é especialmente preocupante entre os homes cis heterosexuais.

Tedes máis información aquí. Algúns dos medios que se fixeron eco da noticia foron Praza Pública, elDiario.es, La Voz de Galicia, Cadena SER Galicia, Radio Galega ou Galicia Confidencial.

HISTORIAS DE VIDA MARCADAS POLO DISCURSO DE ODIO

Traballamos man a man con rapazada trans de Arelas, asociación de familias de menores e mocidade trans de Galicia; activistas e estudoses do colectivo Avante LGBT+ Galiza; e docentes da  Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia. Con xenerosidade, axudáronnos a comprender o trato que reciben as persoas do colectivo LGBT na nosa sociedade, explicáronnos como facemos que se sintan nos espazos compartidos. Incluídos os centros de ensino. E, tamén, como lles gustaría que responderamos as persoas da Xeración Contrainfo cando presenciamos dircurso de odio ou unha situación inxusta, motivada polo odio xerado cara ao colectivo.

TRABALLO NAS AULAS

A partir destas historias de vida, elaboramos unha metodoloxía pedagóxica piloto para axudar o alumnado de Secundaria a distinguir os estereotipos, os prexuízos e a discriminación nos medios, nos espazos sociais compartidos e na contorna educativa. A través da empatía coas persoas que sofren a consecuencias do discurso de odio e da alfabetización mediática, acompañamos ao longo deste segundo trimestre o alumnado de tres centros galegos na elaboración de materiais de contradiscurso como memes ou vídeos. Unha vez testada, publicaremos a metodoloxía, para o seu libre uso, nesta mesma páxina.

COMPARTIMOS OS RESULTADOS

Dende Agareso, ofrecemos o sábado 20 de abril, en Compostela, unha formación práctica gratuíta, de 8h homologables, para traballar a Loita contra o discurso do odio nas aulas. Neste obradoiro, eminentemente práctico:

  • Descubrimos a existencia dun nivel elevado de racismo, de lgbtfobia e de machismo entre o alumnado de Secundaria
  • Coñecemos a contranarrativa ofrecida polos colectivos vitimizados
  • Poñemos en práctica diversos recursos pedagóxicos para traballar a diversidade co noso alumnado, empregando ferramentas de comunicación como o audiovisual ou a memética.
  • Achegámonos a varios exemplos de boas prácticas, partindo das unidades didácticas do proxecto Xeración Contrainfo
  • Concluímos cunha práctica grupal na que integraremos a lectura crítica e as contranarrativas na aula para a educación en valores, a acción titorial e a atención á diversidade.

OS COLECTIVOS

Xeración Contrainfo non sería posible sen a xenerosidade das persoas e dos colectivos que nos acompañan neste proceso. Deixámosvos por aquí a súa información de contacto e animámosvos a interesarvos polo seu traballo e a colaborar con eles e con elas.

Asociación de familias de menores e mocidade trans de Galicia

Correo: arelasasociacion@gmail.com

Teléfono: 686160465

asociacionarelas.org

Rúa Tomás A. Alonso, 93. Portal 2 – 3º B
36208 Vigo (Pontevedra)

Teléfono: 616 90 43 46

Correo: info@rededucalgbtiq.org

rededucalgbtiq.org

Share This