Be the change
Ámbito territorial: UE
Data: 2019-2021
Persoas beneficiarias: Persoal técnico e voluntariado de organizacións xuvenís
Parcerías: Solidarités Jeunesses (Francia), Elix (Grecia), Egyesek (Hungría), Concordia UK (Reino Unido), INEX SDA (República Checa), Link (Italia), Proyecto Kieu (España) e Pimenko (Francia), e Universidade de Coventry (UK)
Financiador: Erasmus Plus/ Injuve
Agareso é parte do proxecto “Be the change: conflict as a catalyst for transformation”, a través do programa Erasmus+, dentro da convocatoria dirixida a alianzas estratéxicas entre organizacións europeas. O proxecto está coordinado por Solidarités Jeunesses (Francia), e nel traballamos con outras seis organizacións: Elix (Grecia), Egyesek (Hungría), Concordia UK (Reino Unido), INEX SDA (República Checa), Link (Italia) e Proyecto Kieu (España), máis a empresa especializada en e-learning Pimenko (Francia) e a Universidade de Coventry (Reino Unido)
O obxectivo principal é traballar con metodoloxías para a xestión das situacións de conflito, sendo quen de transformalas en oportunidades de cambio social.
Esta asociación transnacional permitiu a posta en común e a análise en profundidade de ferramentas de traballo en diferentes eidos: a educación formal e a non formal, os estudos en conflitos a nivel macro, a cultura de paz, a sociocracia, a aprendizaxe en liña, o teatro e a creación audiovisual. Neste último aspecto, Agareso xa ten unha longa traxectoria, dende as radios comunitarias ata as narrativas dixitais, pasando polos documentais, a comunicación de proxectos e o vídeo participativo. Dende este enfoque, achegamos os nosos coñecementos e a nosa experiencia a este equipo, no que intercambiamos con profesionais expertos nas disciplinas xa mencionadas.
Así, despois de varias xuntanzas e formacións presenciais en diferentes países do consorcio, desenvolveuse unha das accións clave do proxecto: un grupo de 16 participantes provenintes das organizacións citadas antes, máis 5 formadoras e formadores do proxecto, reuníronse en Francia para traballar na creación dun MOOC (Massive Open Online Course), baseado nas dinámicas, ferramentas e contidos traballados durante as dúas formacións presenciais do ano 2019. O reto consistiu en trasladar esas formacións a un formato en liña, seguindo unha metodoloxía de “laboratorio” na que, en grupos pequenos e nun prazo de 5 días, creouse un itinerario didáctico e máis todos os contidos multimedia precisos para implementalo.
Esta formación xa está dispoñible na rede, de xeito aberto e sen limitación temporal. Está dirixida principalmente a persoal e voluntariado de organizacións sociais e xuvenís, a estudantes, profesorado e persoal investigador universitario e a profesionais da mediación en entornos educativos, formais e non formais.
Podes descargar atopar máis información nesta ligazón, nun dossier no que se explica como acceder ao curso, a metodoloxía de aprendizaxe e outros datos de interese.